Información
Portada

Recomendan iniciar tratamentos en viña e árbores froiteiras ante a chegada das altas temperaturas

Información
17 Abril 2018 1263 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro advirte que, despois do longo período de precipitacións continuas e ante as condicións metereolóxicas previstas para esta semana, con tempo seco e temperaturas altas, as plantas acelerarán a súa brotación pero tamén que as enfermidades e pragas poden estenderse con maior rapidez.

 

No relativo á viña, os técnicos de Areeiro aseguran que nas condicións que se esperan haberá un maior desenvolvemento de gromos das cepas pero tamén de vexetación herbácea das fincas, e recomendan manter baixo estrito control dita vexetación, co obxectivo de acadar unha boa aireación e evitar que se estendan as patoloxías. O primeiro tratamento que recomendan neste momento é unha aplicación fronte á excoriose naquelas parcelas onde tradicionalmente veñan observando problemas con esta enfermidade. En canto ao mildeu non recomendan tratar aínda, posto que non se produciron todas as condicións necesarias para que se desenvolva a enfermidade.

Outro dos tratamentos que recomendan desde Areeiro é contra a bacteriose do kiwi. Segundo indican desde a EFA, as precipitacións constantes das últimas semanas facilitan esta patoloxía típica do kiwi, polo que tendo en conta que a brotación é unha etapa moi sensible é de vital importancia aplicar un tratamento neste momento. Para previr a dispersión desta enfermidade tamén recomendan extremar a hixiene da maquinaria, roupa e utensilios utilizados nas plantacións, e aconsellan o abonado equilibrado e evitar as regas por aspersión.

En canto aos cítricos a recomendación pasa por aplicar tratamentos contra o fungo Phytophthora spp, con sosetil-Al 80%, con mancozeb ou con formulados de cobre sos ou combinados con outros funxicidas. Para evitar a propagación deste fungo, que se ve favorecida polas precipitacións acaecidas, tamén é necesario observar boas prácticas agronómicas como a drenaxe do terreo e a recollida dos froitos caídos e os podres que haxa nas árbores.

No eido das árbores froiteiras, tamén os melocotoeiros deben ser obxecto de tratamento, neste caso contra a lepra que se prevé de incidencia elevada para esta campaña que comeza. Recoméndase consultar aos técnicos sobre o tipo de funxicida a empregar neste caso.

Por último, a EFA tamén advirte que o buxo pode precisar tratamentos contra a cydalima perspectalis, a coñecida comunmente como ‘a praga dos buxos'. Os técnicos xa detectaron nalgunhas plantas illadas de zonas abrigadas os primeiros síntomas do ataque desta bolboreta e coa melloría do tempo esperan que a situación se vaia xeneralizando. Desde Areeiro recomendan máxima atención aos primeiros síntomas e lembran que os tratamentos aplicados cando a praga xa está estendida e desenvolvida xa non son eficaces, de aí a necesidade de aplicalo no comezo do ataque.

Más información en: http://www.efa-dip.org/ga/Servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/Ultimo.htm

 

 

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

El próximo domingo 20 de enero el Club Waterpolo Pontevedra se...

O sábado 19 en sesión de tarde e o domingo 20 en dobre sesión...

A CIG súmase á campaña "Mañá podes ser ti" promovida por...

O evento, que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de xaneiro,...