Información
Portada

Carballo terá o vindeiro ano un orzamento de 26.754.882,34 euros, un dos máis altos da historia do Concello

Información
19 Noviembre 2017 1847 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na presentación do orzamentoA concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, considera que o documento que se someterá a debate no pleno deste mes reflicte a estabilidade económica, a capacidade inversora e o compromiso social do Concello

 

Venres 17 de novembro do 2017

A corporación municipal aprobará no pleno ordinario deste mes un dos orzamentos máis altos da historia do Concello de Carballo: 26.754.882,34 euros. O incremento con respecto ao deste ano é do 5,05%, ou, o que é o mesmo, de 1.285.530,32 euros. E de onde procede ese incremento? Pois en boa parte débese aos efectos da regularización catastral impulsada polo Ministerio de Facenda, que sacou á luz numerosas edificacións polas que non se tributaba. Este ano, como as persoas afectadas teñen que pagar os atrasos esixidos polo Estado, a cifra é máis elevada e sitúase arredor do millón e medio de euros, pero eses “novos” bens inmobles consolidan para os vindeiros anos uns ingresos aproximados de 420.000 euros, malia que o Concello de Carballo aplica o tipo impositivo máis baixo que permite a lei.

De feito, para o vindeiro ano non se tocará ningún imposto e os cambios serán mínimos nas taxas: baixa a da auga grazas á modificación da ordenanza fiscal do ciclo integral e soben moi lixeiramente as do Conservatorio Profesional de Música.

Exposición de Belén Lendoiro

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero, na presentación do orzamento

Estamos, en palabras da concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, ante un documento que reflicte a estabilidade económica, a capacidade inversora e o compromiso social do Concello de Carballo. “Os números –sinalou- amosan e consolidan a boa situación económica. É un orzamento inversor porque se aposta polo investimento, e desde logo é social porque trata de garantir o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas. De feito, non só se incrementa o gasto en servizos sociais, senón que tamén se garante o acceso de toda a poboación á cultura, ao deporte e ao resto dos servizos”.

Precisamente, unha das prioridades do goberno municipal é a mellora da calidade deses servizos, “sempre pensando na cidadanía”, e nese sentido o ano que vén destínanse aos servizos públicos básicos 13,6 millóns de euros. Increméntase o gasto en cultura, deporte, servizos sociais, educación e sanidade, áreas que, indicou Belén Lendoiro, son “os piares da política municipal e ás que dedicamos 7,6 millóns de euros”. Así mesmo, destacou “o compromiso coas entidades sociais”, que se reflicte nun incremento de 906.000 euros na contía das subvencións, e coa formación, o emprego e a dinamización económica, para os que están consignados 1.162.476,54 euros. “Son, en definitiva, números que consolidan a idea de facer de Carballo un bo lugar para vivir”, rematou a concelleira de Facenda.

Valoración de Evencio Ferrero

O alcalde, Evencio Ferrero, que a acompañou na presentación dos orzamentos, destacou que o capítulo 6 de gastos, é dicir, o de investimentos reais, “é o que máis medra con diferencia”, e acada os 6.265.115,53 euros. “Esta cantidade permitiranos –engadiu- seguir acometendo obras que son importantes e, algunhas delas, consecuencia do proceso de participación que se puxo en marcha hai xusto un ano cos consellos parroquiais. Deste xeito, e aínda que non se trata dun orzamento dos denominados participativos, si que incorpora prioridades marcadas nos consellos parroquiais. “Estamos moi contentos de incluír moitas”, asegurou.

O 63,07% do capítulo 6, de feito, “é investimento dirixido ao medio rural”: aglomerado de vías estruturantes, accesos a vivendas, mantemento da rede viaria, reposición de puntos de luz, locais sociais e, entre outras, novas infraestruturas de auga e saneamento entre as que sobresae o abastecemento ás parroquias de Razo e Oza. Este proxecto, cun orzamento de 1.699.912,70 euros, convértese no máis importante da historia realizado polo Concello de Carballo sen axuda de ningunha outra Administración.

En canto ao casco urbano, as principais actuacións previstas son as reurbanizacións das rúas Barcelona e Concepción Arenal, un plan de parques e xardíns, a rehabilitación do Museo de Bergantiños ou a pista polideportiva do IES Parga Pondal. A maiores hai outros investimentos, como un novo camión motobomba, que repercutirán en todo o territorio. Pero, en definitiva, “reflíctese o compromiso inversor, seguimos mellorando os servizos e creando tamén outros novos”, concretou o alcalde.

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

PECHADO O CUARTO DE CONTENCIÓN
Días antes de que no Obelisco...

Esta mañá presentouse na sala de reunións da casa do Concello...

El próximo domingo 20 de enero el Club Waterpolo Pontevedra se...

O sábado 19 en sesión de tarde e o domingo 20 en dobre sesión...