Información
Pontevedra

Roteiros literarios comeza cun percorrido por Moaña e pola historia das mulleres do mar

Información
18 Agosto 2018 382 votos

Precisamente, o primeiro destes paseos terá lugar o sábado 25 nesta localidade e será guiado polo poeta moañés Xosé Daniel Costas Currás, que tamén participou na presentación acompañado pola alcaldesa Leticia Santos e pola tamén escritora e representante da AELG, Marta Dacosta.

 

Xosé Leal asegurou que a edición dos roteiros literarios organizados polo seu servizo en colaboración coa AELG no pasado ano "tiveron moito éxito e as prazas esgotáronse moi rapidamente para cada un deles", polo que nesta segunda edición se incrementaron o número de roteiros literarios pasando de catro a sete. O deputado nacionalista explicou que esta iniciativa ofrece a posibilidade de "poñer en valor o local e coñecer cada espazo de cada roteiro en relación coa literatura". Unha idea na que tamén afondou Marta Dacosta afirmando que "esta fórmula permite coñecer polo miúdo os lugares que enmarcan ou que nutren as obras literarias escollidas". A escritora asegurou que nestes percorridos "poderemos achegarnos á nosa literatura, á nosa cultura e á nosa lingua literaria desde outra perspectiva, facendo unha lectura diferente, e tamén poderemos coñecer de preto e conversar coas autoras e cos autores desas obras". Marta Dacosta tamén incidiu en que "a literatura é unha ferramenta útil e fundamental na normalización da lingua galega, e esta defensa da lingua vai en consonancia da política da Deputación."

Todos os roteiros literarios son de balde pero precisarán inscrición previa a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., e o número máximo de prazas é de 50 persoas para cada un dos paseos, co obxectivo de que a dimensión do grupo permita a comunicación fluída. Os sete roteiros desta edición terán lugar os sábados, de 11:30 a 13:00h, e comezarán o 25 de agosto e rematarán o 6 de outubro. O primeiro será o de Moaña e terá ás traballadoras do mar como protagonistas e a Xosé Daniel Costas Currás como guía. O seguinte terá lugar en Vilagarcía, o sábado 1 de setembro, leva por título ‘O xardineiro dos ingleses' e estará guiado por Marcos Calveiro. O sábado 8 de setembro en Cuntis será a quenda para o roteiro dedicado á figura de Roberto Blanco Torres, que estará guiado por Marcos Seixo. O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Vigo o sábado 15, leva por título ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta' e estará guiado por Ledicia Costas. Ao sábado seguinte, 22 de setembro, será Susana S. Aríns a que guíe o roteiro ‘seique, quando os passeios eram morte' que descorrerá por diversos puntos de Ribadumia, Meis e Barro. O sábado 29, Marga do Val será a encargada de guiar o roteiro ‘Tui na literatura galega'; e por último, o sábado 6 de outubro, Lucía Novas encabezará o roteiro dedicado a Johan Carballeira pola vila de Bueu.

Mulleres e poesía

"Estas conservas son para todas as mulleres que me ensinaron a ser muller", con esta cita comeza o libro ‘Conservas' de Xosé Daniel Costas Currás e con esta cita comezará o roteiro de Moaña. Foi o propio poeta o que o anunciou esta mañá, indicando que este libro "será a guía pola que transite todo o percorrido". Sobre a importancia da muller como protagonista do primeiro dos paseos tamén se manifestou a alcaldesa da localidade, Leticia Santos, quen asegurou que "as mulleres do mar tiveron moito que ver co desenvolvemento industrial desta zona e foron un soporte fundamental da nosa sociedade". A rexedora asegurou que as mulleres moañesas son un exemplo de "feminismo, loita e superación" e lembrou que o colectivo de mariscadoras deste concello foron pioneiras en pedir a súa profesionalización e en loitar polos seus dereitos laborais. "Estou moi orgullosa da temática escollida" sentenciou Leticia Santos.

Xosé Daniel Costas Currás avanzou ademais os principais enclaves que se visitarán no percorrido. O punto de encontro e de partida será o porto de pasaxes, para transcorrer pola rúa Concepción Arenal e rematar na casa do concello. O poeta asegurou que "o percorrido polo casco moderno é moi interesante por todas as rúas transversais que homenaxean a mulleres moañesas, que será nas que realmente nos centremos". Tamén avanzou que "imos ler moita poesía" e un dos puntos escollidos para as lecturas poéticas será a praza de abastos, onde "recitaremos entre o peixe fresco e interactuaremos co público aproveitando que é día de mercado" engadiu.

Carpintería de Ribera - Astillero de Casqueiro (Moaña- Pontevedra)

Foto propiedad de; https://3.bp.blogspot.com/-D0vo5GpHbhg/WBddjBGLc5I/AAAAAAAAD70/aVZmUxA3qGoQUhiXKBV1mLN8J3Vf1b-FgCLcB/s640/_DSC3640.jpg

https://descubrecadadia.blogspot.com/2016/10/carpinteria-de-ribera-astillero-de.html



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi