Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para dar conta do orzamento que a institución provincial aprobou para 2017 que supón un crecemento do 2,20% con respecto a este ano. Silva aproveitou a ocasión para denunciar o abandono ao que o Presidente da Xunta de Galicia ten sometido á provincia de Pontevedra e reivindicou que a administración autonómica asuma as competencias que lle corresponden. En concreto, a Presidenta da Deputación referiuse ás políticas sociais, atención de menores, cultura, emprego, promoción económica, xuventude, equipamentos e dotacións, coidados dos montes, gandería, pesca e investigación fitopatolóxica, tratamento de residuos sólidos, igualdade de xénero, loita contra as violencias machistas, infraestruturas, deporte, etc.

O orzamento do 2017, que ascende a 155.444.192 €, un 2,20% máis que o de este ano, manifesta a vontade do goberno da Deputación de Pontevedra de continuarco modelo de xestión implantado dende a toma de posesión no 2015. En liñas xerais, trátase dun orzamento que presenta nivelados os gastos e os ingresos e que non se necesita financiar con endebedamento cumprindo, así, co requisito do déficit cero. Neste eido, a Presidenta da Deputación quixo recordar que "recibimos unha herdanza dunha débeda viva de 39 millóns de € que nos propuxemos reducir á metade en dous anos, o que estamos a cumprir. Gobernamos, polo tanto mellor, e con menos ataduras cara o futuro, dando cumprimento ó requisito da estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda".

Carmela Silva deu a coñecer, amais, os programas clave que a Deputación de Pontevedra desenvolverá ó longo do 2017, comezando co Plan Concellos que repartirá o vindeiro ano 41,2 millóns de €, un 3% máis que este ano, en función de criterios obxectivos,  ós concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Silva recordou que este plan, "que rachou coa forma clientelar de gobernar do anterior presidente, xa veu incrementado ata o 66,67% os recursos este ano con respecto ó 2015 e permitiu, entre outras cuestións, que os concellos puidesen contratar durante o 2016 a 1.160 traballadoras e traballadores".

"As achegas e cooperación cos concellos – tal e como subliñou a Presidenta da Deputación- pasou de 27,1 millóns de € en 2015 a 49 millóns en 2017, é dicir, case 22 millóns de € máis que se completarán con outras iniciativas como a protección do medio natural e un incremento do 89% a dotación para a asistencia xurídica e técnica municipal". Amais, tamén se manterá o plan de anticipos en libre concorrencia que, ó igual que aconteceu no 2016, non terá xuros nin comisións.

Outros investimentos que a institución provincial realizará no 2017 e que continúan o iniciado no 2016 son o Plan Revitaliza e o Plan Móvese.  De feito, a Deputación de Pontevedra investirá case catro millóns de € para o tratamento e xestión de residuos e subministro de composteiros, enmarcado no Plan Revitaliza, así como para a mellora dos montes e dos sistemas produtivos e agropecuarios e pesqueiros. No caso do Plan Móvese e infraestruturas provinciais destinaranse 16,2 millóns de €, un 1,25% máis que no 2016, para a mellora das vías provinciais e seguranza viaria.

Para o novo goberno provincial o emprego e a dinamización económica da provincia é un obxectivo prioritario e, de feito, as liñas que financian actuacións de fomento do emprego medrarán no 2017 un 6,3%. "Falamos de 13 millóns destinados a fomentar e mellorar o emprego na provincia –manifestou Carmela Silva- ós que hai que engadir un millón máis dirixido á modernización e internacionalización das empresas e aumento da súa competitividade e 500.000 € ós viveiros de Lalín e Barro-Meis".

Os axentes sociais e económicos da provincia de Pontevedra recibirán durante o 2017, mediante subvencións e axudas correntes e de capital, 11 millóns de €, case un millón máis que no 2016 e a investigación en sectores como a gandería ou agricultura, que se desenvolve na Finca Mouriscade e na EstacíonFitopatolóxica do Areeiro, medrará un 1,3% máis. 

Outro dos grandes sectores que contribúe ó desenvolvemento económico da provincia é o turismo, ó que durante o 2017 se destinarán 4 millóns de €, case un 11% máis que no 2016, para modernizar e impulsar esta actividade co obxectivo de xerar emprego e crecemento económico. Ó respecto, a Presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor o plan básico de turismo, o plan estratéxico, elaborado conxuntamente co sector empresarial turístico, e o plan de usos dos castelos e parques da provincia.

A cohesión social e a xuventude son tamén eixos de traballo do novo goberno da institución provincial. Ó respecto, Carmela Silva indicou que se destinarán 5,5 millóns de €, un 7,4% máis que este ano, para impulsar os servizos sociais municipais, un 6% máis para mellorar as instalacións e oferta de servizos da Lanzada e 10,9 millóns de € para a asistencia á xuventude, incluída a xestión do Centro Príncipe Felipe. Neste contexto, a Presidenta da Deputación subliñou que "a xestión deste centro de atención a menores debería ser levada a cabo pola Xunta de Galicia, que é a administración competente , por iso agardo poder ter unha reunión o máis inmediata posible co Presidente da Xunta para falar de todos os servizos que presta a institución provincial e son competencia exclusiva da administración autonómica, que non son poucos: Príncipe Felipe, Museo de Pontevedra, Escola de Enfermería, Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Finca Mouriscade…".  Tamén engadiu Silva que "cando a administración autonómica non fai fronte ás súas obrigas sucede que as entidades locais temos que retraer recursos que deberíamos dedicar a outras accións que si son competencias locais".

En materia de promoción cultural e servizos lingüísticos, Carmela Silva adiantou que o orzamento medrará con respecto ó 2016 nun 6,5%, investindo nesta materia 3,7 millóns de €, ós que hai que engadir os máis de 6 millóns de € destinados ó Museo de Pontevedra, bibliotecas e patrimonio documental e bibliográfico. Pola súa banda, en materia de deporte o orzamento de 2017 contempla un investimento de catro millóns de €, un 47% máis que no 2016.

Outra das liñas estratéxicas do novo goberno da Deputación, tal e como manifestou a Presidenta da Deputación, é a incorporación do principio de igualdade como factor de cohesión social. Para elo, durante o 2017 o orzamento destinado a impulsar políticas en materia de igualdade medra un 41,3% respecto a este ano, investindo un total dun millón de €.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra resumiu en tres eixos o orzamento da institución provincial para o 2017: concellos, ós que se destinarán 44,5 millóns de €; emprego, promoción económica e infraestruturas, ós que se achegarán 34,5 millóns de € e cohesión social, cultura, xuventude, deportes e igualdade, nos que se investirán 32,4 millóns de €. En resumo – tal e como manifestou Silva – "no 2017 destinaremos a estas tres grandes liñas o 85,6% do orzamento total de gastos da Deputación de Pontevedra".

Carmela Silva rematou a súa intervención reivindicando a necesidade de impulsar a actividade económica e a creación de emprego de calidade e con dereitos, centrándose no mundo local como o espazo onde se producen os cambios, promovendo o dinamismo nos territorios de tal forma que se facilite un desenvolvemento sostible. Tamén pediu Silva que a Xunta de Galicia elabore plans industriais que manteñan a potencialidade da provincia de Pontevedra, un territorio cunha forte implantación de industrias punteiras, e aposte por un turismo de calidade, cunha ampla promoción e incidindo na desestacionalización. Para elo, a Presidenta da Deputación incidiu na necesidade dun plan de infraestruturas que permita unha maior accesibilidade ós núcleos de poboación, a mellora das travesías autonómicas existentes, a atención específica ó aeroporto de Peinador, eliminar as altas peaxes da AP9 e que a provincia de Pontevedra non quede descolgada da chegada do AVE a Galicia así como a saída sur cara Portugal. Ó respecto, Silva asegurou que "non poderemos competir en igualdade de condicións se non contamos con infraestruturas modernas que garantan o tránsito de persoas, de mercadorías e que faciliten a actividade económica dun territorio que é o motor económico da nosa comunidade".

Por outra banda, Carmela Silva tamén instou á Xunta de Galicia "para que se tome moi en serio o despoboamento do mundo rural e xere programas e impulse medidas que permitan que nestes núcleos se garantan servizos e dereitos e se promova o desenvolvemento económico e a creación de emprego".

Outras das reivindicacións da Presidenta da Deputación de Pontevedra ó goberno autonómico foi a incorporación de criterios claros, obxectivos e xustos para todos os concellos. Neste eido, Carmela Silva indicou que "quero denunciar que as políticas que se están a desenvolver por parte da administración autonómica están sendo inxustas e discriminatorias, non pode ser que se invistan recursos públicos nas estradas interiores que pasan por concellos gobernados polo PP e se abandonen as que son gobernadas por outros partidos políticos".

Tamén se detivo a Presidenta da Deputación no mantemento e modernización dos centros educativos e de saúde da provincia de Pontevedra, "que se atopan nunha situación deplorable e precisan un impulso en materia de calidade". No caso concreto da sanidade, Carmela Silva pediu "que o hospital Álvaro Cunqueiro sexa 100% público e que se amplíe o hospital de Montecelo, así como se habiliten os recursos necesarios para a atención dos nosos maiores, dependentes e persoas con diversidade funcional, para garantir a igualdade de oportunidades".

Para rematar, a Presidenta da Deputación de Pontevedra pediu que "de forma urxente a Xunta de Galicia se comprometa coa promoción real das políticas de igualdade de xénero e impulse unha loita sen cuartel contra as violencias machistas poñendo sobre a mesa recursos de todo tipo que permitan erradicar a lacra máis grave á que nos enfrontamos as mulleres, á que se enfronta máis da metade da poboación. Xa non bastan as palabras, hai que pasar ós feitos e os feitos son recursos".

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..

Las ansias de meter el diente a los público del gobierno de #XulioFerreiro les lleva a infringir múltiples irregularidades donde se auto-adjudican así mismos los contratos públicos del Ayuntamiento de A Coruña.

Martes, 24 Octubre 2017
Las ansias de meter el diente a los público del gobierno de #XulioFerreiro les lleva a infringir múltiples irregularidades donde se auto-adjudican así mismos los contratos públicos del Ayuntamiento de A Coruña.

  Según los portavoces del PP en María Pita el que "orquestó" el Proxecto Carcere , formaba parte del tribunal para controlar su "auto-adjudicación", para acceder a la partida de...