Información
Ourense

A Deputación de Ourense farase cargo da xestión do Museo do Entroido de Galicia, en Xinzo de Limia

Información
04 Septiembre 2018 214 votos

  • O goberno provincial presentará no pleno de setembro un convenio de colaboración co concello limiao que facilitará a apertura permanente e a dinamización do espazo expositivo.
  •  
  • Manuel Baltar afirma que o museo "contribúe a poñer en valor o entroido, impulsar iniciativas investigadoras e recuperar a historia desta festa ancestral".

A Deputación de Ourense farase cargo en 2019 da xestión do Museo do Entroido de Galicia, en virtude dun convenio que asinará co Concello de Xinzo de Limia, vila na que se sitúa este centro expositivo, facilitando así a apertura permanente das instalacións e dando resposta a unha vella aspiración da vila limiá, como é ser a testemuña galega dunha festa ancestral con fondas raíces na provincia de Ourense.

O convenio, que se presentará no pleno ordinario deste mes de setembro, ven de ratificar o compromiso da institución provincial cunha das manifestacións culturais e populares máis importantes de Ourense, como é o Entroido, pois xa en 2016 a Deputación asinara outro documento de colaboración co Concello de Xinzo, aportando dous técnicos para dar pulo a este espazo expositivo.

"Queremos potenciar e dar visibilidade a este centro, que ademais de ser o museo do entroido limiao tamén o é das outras celebracións do carnaval de Galicia, para potenciar a gran riqueza cultural e etnográfica que significa", valorou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. As instalacións, engadiu o titular da institución provincial, "deben ser algo máis ca un lugar de exposición; teñen que axudar a poñer en valor o entroido, impulsar iniciativas investigadoras, recuperar a historia destas celebracións, e ser a cerna de actividades en torno a esta festa ancestral".

Pola súa banda, o alcalde de Xinzo, Manuel Cabas, amosou o seu agradecemento polo apoio da Deputación provincial, sinalando ademais que todos os veciños "temos que sentirnos orgullosos de acoller o único museo de Galicia de este tipo". Para o rexedor, este espazo permitirá ofrecer aos visitantes, e de xeito especial durante o entroido, "unha oportunidade única de coñecer unha parte fundamental da nosa cultura".

O Museo do Entroido de Xinzo, situado no antigo mercado de abastos de Xinzo, foi inaugurado no ano 2015 e consta de dúas plantas. A primeira delas ofrece espazos para conferencias e actividades culturais e acolle tamén unha exposición permanente da Asociación de Amigos da Pantalla de Xinzo. No segundo andar está a parte principal do museo, onde se reúne unha ampla mostra dos elementos que definen os entroidos máis característicos de Galicia e tamén de Portugal. Entre eles poden admirarse as máscaras, traxes e accesorios das figuras máis representativas dos entroidos de Xinzo de Limia, Verín, Laza, Viana do Bolo, Maceda, Bande, Manzaneda, Sande e Sarreaus, e tamén das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, así como os Carapetos de Portugal.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi