
Os veciños decidiron constituírse en asociación logo de reunións previas de posta en común da problemática da mala convivencia que, a causa de varios accidentes, están a crear as louseiras asentadas nestas parroquias, ámbalas dúas da empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI).
Unha decisión que tomaron “ante o reiterado incumprimento por parte da empresa dos acordos de convivencia, e a uns métodos de traballo desta que impiden o resto das actividades económicas, danan as propiedades privadas, contaminan o medioambiente e sobre todo poñen en perigo a seguridade da cidadanía”. Por iso, acordan iniciar os trámites de información e denuncia ante os organismos pertinentes (Consellería de Economía, Emprego e Industria e concellos de Mondoñedo e Lourenzá) das prácticas ilegais que a empresa a cometer tanto nos seus proxectos como nos espazos públicos de convivencia.
Neste sentido, denuncian que este mesmo sábado a empresa efectuou a descarga de maquinaria pesada en vías públicas titularidade da Deputación de Lugo e do Concello de Mondoñedo. “Obviamente sen os permisos oportunos ao carecer dos métodos preventivos necesarios, xa que se causaron estragos no firme da estrada recentemente aglomerada (LU-P-3103) e se esnaquizou a rede de saneamento fluvial ao seu paso”, din.
Así, lembran que ditas vías foran acondicionadas tanto por a Deputación coma por o Concello nos últimos 4 meses, cun importante orzamento económico dos dous erarios públicos “que a entendemento da Asociación debe ser resarcido por a empresa”. Ademais alertan de posibles derrubes de vías pola realización de escavacións de máis de 20 metros que provocaron fendas.