Información
Localidades de Galicia

Veterinaria afonda na produción de leite en ecolóxico cun estudo das razas de gando vacún

Información
04 Febrero 2019 178 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Ruth Rodríguez Bermúndez, entre Marta Miranda e Marta López, na Facultade de Veterinaria de Lugo

O estudo das razas de gando vacún de leite que se están a usar en ecolóxico, a valoración e a autenticación dos produtos e do sistema de produción en ecolóxico no norte de España centran a temática da tese de doutoramento que vén de presentar Ruth Rodríguez Bermúdez na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC baixo o título ‘Valoración racial e autenticación do sistema de produción ecolóxica de leite no Norte de España’.

 

 

A investigación de doutoramento desenvolvida por esta veterinaria de O Valadouro baixo a dirección das profesoras da USC Marta Miranda Castañón e Marta López Alonso, e en colaboración co director técnico de Africor-Lugo, Ramiro Fouz, encádrase no marco dun programa investigación nacional arredor da situación da gandaría ecolóxica de vacún de leite no norte de España. Este proxecto de I+D, liderado pola USC, conta asemade coa colaboración de diferentes centros de investigación e universidades nacionais e internacionais.

 

Rodríguez Bermúdez ambiciona no seu estudo dar resposta a dúas grandes cuestións dentro da gandería ecolóxica de leite, tal e como o son a adaptación dos animais ás especiais condicións do sistema e a certificación da procedencia ecolóxica dos animais e dos seus produtos. Clarificar estas estes interrogantes antóllase de especial importancia para un sector leiteiro ecolóxico que está a medrar en Galicia, unha das rexións europeas con maior produción leiteira, así como no norte de España, e que demanda máis información para seguir a crecer. A esta realidade cómpre engadir os requirimentos da normativa ecolóxica europea, que esixe unha serie de puntos que difiren de forma substancial do manexo do gando leiteiro convencional, razón pola que a información coñecida ata o de agora non sempre é aplicable en ecolóxico.

 

Daquela, a investigadora compila na súa tese doutoral resultados de enquisas feitas aos gandeiros que constatan a existencia dunha grande preocupación pola mala adaptación dos animais a ecolóxico. Os animais de alta produción están preparados para soportar grandes lactacións, sempre e cando se lles suplementen elevadas cantidades de concentrados para cubrir as necesidades enerxéticas. A diferencia, cando estes animais se introducen nun sistema de manexo ecolóxico tenden a padecer enfermidades que acaban por xerar grandes perdas económicas. Diante deste panorama e en aras e dar respostas aos interrogantes advertidos no sector, Ruth Rodíguez Bermúdez orientou a súa tese ao estudo das razas leiteiras en ecolóxico valorando a súa produción, características reprodutivas e funcionais, co fin de atopar que raza ou cruce é máis acaído para a produción de leite ecolóxico no norte de España, tendo en conta que nesta área se produce o 80% da produción nacional.

 

Outras das achegas deste exhaustivo estudo refírense á  valoración, a través de enquisas, da opinión que ten o consumidor de produtos ecolóxicos, facendo un especial fincapé nos aspectos raciais do vacún de leite, co fin de explorar o interese comercial das distintas razas. Respecto da autenticación da produción ecolóxica, así como dos produtos destinados á venda procedentes destes sistemas, cómpre sinalar que é un aspecto moi relevante para garantir que os produtos que chegan ao mercado con etiqueta ecolóxica foron realmente producidos neste sistema. A investigación advirte da existencia de certa preocupación por parte dos consumidores sobre a autenticidade dos produtos ecolóxicos, polo que a través dos estudos desenvolvidos na presente tese aportamos unha ferramenta que permite discernir entre ecolóxico e convencional.

 

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da área de Medicina e Cirurxía Animal da USC José Luis Benedito Castellote presidiu o tribunal encargado de avaliar esta tese, un xurado integrado por tres expertos no ámbito do gando vacún do que tamén formaron parte o profesor do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Joaquim Orlando Lima Cerqueira e a tamén doutora Carmen Calvo Santalla, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

 

O tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por Ruth Rodríguez Bermúdez. A investigadora formada no campus de Lugo acadou así o doutoramento internacional logo de completar diversas estadías de investigación na Massey University de Nova Zelanda e na Universidade Nacional de Litoral, en Arxentina. Durante esta etapa de formación, Rodríguez Bermúdez tivo un contrato predoutoral da Xunta de Galicia durante o primeiro ano, para logo gozar, dunha bolsa FPU do Ministerio por un período de tres anos.

lineaazul 1600

Preto de 20 colectivos galegos responderon ao chamado da...

"Ourense convértese nestes días na capital nacional das ciencias...

Na primeira xornada imos festexar o Día Internacional dda...

Os versos de Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935) encherán este...

lineaazul 1600