Información
Localidades de Galicia

A Mesa advirte ao Consello de Europa que o Estado español e a Xunta de Galicia vulneran os dereitos lingüísticos da poboación galega

Información
30 Octubre 2018 130 votos

A Mesa envía ao Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias un relatorio sobre a situación do galego que será tido en conta para a elaboración do 5º informe de avaliación do cumprimento deste tratado



O relatorio sinala incumprimentos en todas as áreas onde o Estado e a Xunta deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación, relacións transfronteirizas, etc.

Compostela, 30 de outubro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en rolda de prensa o relatorio sobre a situación do galego que entregará o vindeiro 3 de novembro, en Dublín, ao director do Secretariado da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa. A entrega formal terá lugar no marco da Asemblea xeral da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) antes do encontro que o Comité de expertos manterá a finais de ano con entidades sociais e organismos públicos para a avaliación da Carta e emitir o seu informe definitivo para o Consello de Ministros.

Desde a entidade de defensa da lingua adiantan que tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas, entre outras.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de Castela e León.

En ocasións anteriores, os expertos europeos alertaron sobre as graves deficiencias na aplicación da Carta, nomeadamente no do ensino, o que motivou unha recomendación do propio Consello de Ministros sinalando que a introdución doutra lingua non podía servir de escusa para a eliminación da propia no ensino. Porén, nesta ocasión, o Estado remitiu ao Comité de Expertos un informe que manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva. "O Estado mente ao Consello de Europa manipulando os datos oficiais", asegurou Marcos Maceira. Ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa contemplados no anterior, chega a afirmar que "a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado. Porén, tal e como sinala a Mesa no seu relatorio, recollendo datos do IGE, "en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)". Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas graves manipulación do Estado.

O contido do informe será exposto este fin de semana na Asemblea Xeral da Rede Europea para a igualdade das linguas (ELEN), entidade co status de entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, as Nacións Unidas e a UNESCO e que aglutina 150 entidades representativas de 45 linguas minorizadas de Europa en 23 estados europeos. Desde novembro de 2016 A Mesa exerce unha das Vicepresidencias de ELEN.

Algúns datos do informe


Ensino
- Segundo o último estudo IGE (2014) o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego
- Mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do Consello de Europa
- A aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos para o galego do Decreto contra o galego da Xunta
- O ensino público non garante o ensino en galego como estabelece a Carta.

Xustiza
- Continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego: a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexsitencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provaca atrasos ao funcionariado e á cidadnía que opta polo galego.

Servizos públicos
- A administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan os incumprimentos da Carta.
- A inexistencia de requisito de coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e fica á escolla do funcionariado.
- Evidénciase a inexistencia de formación de calidade.
- Nos concellos, sentenzas como a do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo supoñen unha regresión dos dereitos lingüísticos da cidadanía

Medios de comunicación
- Só a TVG garante unha presenza mínima do galego. Porén, é a única emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a mocidade.
- Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo uso do galego.

Servizos culturais
- Caída de publicación de libros en galego.
- Caída do investimento en dobraxe
- Dificultades para a distribución de cinema en galego

Vida económica e social
- Segundo o informe ao respecto elaborado pola Mesa pola Normalización Linguística, non opera neste momento en Galiza ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. No que ten a ver coa banca electrónica só chegan ao 40% as entidades que permiten operacións básicas neste idioma.
- En materia de recursos contractuais, a Xunta de Galiza atribuíu ao Tribunal Central de Recursos Contractuais as súas competencias. Xa que logo, todos os recursos especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado.

Intercambios transfronteirizos
- Os acordos institucionais que facilite ou favoreza os contactos entre Galiza e Portugal continúan a ser anecdóticos



esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi