Información
Localidades de Galicia

O Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño dá os seus primeiros pasos.

Información
17 Octubre 2018 322 votos

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, os 13 concellos do territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui) e o concello de Soutomaior asinaron este mércores 17 de outubro un convenio de colaboración para a posta en marcha, xestión e e dinamización desde xeodestino turístico, o primeiro de toda Galicia en ser xestionado por un Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR). Con esta iniciativa búscase aglutinar esforzos e xerar un maior fluxo turístico nos 14 municipios que abrangue o xeodestino e dar resposta a unha actividade económica complexa de carácter transversal cun mercado tremendamente esixente, dinámico e influenciable.

 

A través deste convenio fixaranse as principais liñas de colaboración, coordinación, xestión, financiamento, organización e funcionamento deste novo xeodestino, que conlevará a realización de actuacións en todos os concellos que o integran. Esta parte complementarase co convenio de colaboración que asinarán GDR14 e Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, así como para a sensibilización tanto aos visitantes como á propia veciñanza sobre a importancia de preservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura de todos estes concellos.

Respaldo da Xunta de Galicia

Ao acto de sinatura do convenio asistiu a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio GDR14) e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o nomeado representante institucional do xeodestino e alcalde de Baiona, Ángel Rodal. "Dende o GDR14 buscamos novos puntos para o desenvolvemento sostible do territorio e detectamos que o turismo era un polo fundamental. Poñemos en marcha este xeodestino coa firme intención de ser prácticos e levar adiante proxectos que repercutan nestes 14 concelllos, elaborando un plan estratéxico que abarque todo o territorio e creando o primeiro produto turístico conxunto, xa que calquera iniciativa turística de calado non pode facerse concello a concello", comentou González, quen quixo destacar a "predisposición e a axilidade de Turismo de Galicia para sacar este xeodestino adiante". Para González con esta iniciativa "non sumamos, senón que multiplicamos as nosas forzas e non desperdiciamos recursos".

Pola súa banda, Ángel Rodal recordou que con este novo xeodestino "buscamos desestacionalizar o turismo en 14 municipios cun potencial tremendo. Loitaremos unindo as nosas forzas paa crear unha marca turística que xere fidelidade, achegando o encando particular de cada municipio pero dende un enfoque xenérico".

Estiveron acompañados por representantes de todos os municipios que integran o novo xeodestino: Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan Antonio González, rexidor de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Teresa Paris, concelleira delegada de Cultura e Turismo de Redondela; María del Carmen Alonso, alcaldesa de O Rosal; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui.

A Xunta de Galicia tamén quixo amosar o seu respaldo a esta iniciativa coa presenza de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; e de Ignacio López-Chaves, Delegado da Xunta en Vigo. "Cremos que xuntos imos máis lonxe e agora, con esta sinatura, sentamos as bases dun proxecto de futuro", salientou o conselleiro, para quen falar de xeodestino significa falar de "unión, cooperación, coordinación, confianza e planificación". "Poñemos o interese xeral por riba dos intereses persoais para o beneficio colectivo do territorio, potenciando recursos que cada un ten individualmente e que sumados nun paquete turístico terán unha maior capacidade de promoción. Os xeodestinos permiten superar os localismos para xestionar de forma conxunta unha actividade económica tan importante como o turismo", destacou.

O obxectivo deste convenio é impulsar un proxecto que se presenta como unha excelente oportunidade para darlle pulo ao turismo no territorio optimizando recursos estruturados e organizados, ofrecendo produtos turísticos diferenciados, competitivos e recoñecibles polo mercado; creando unha infraestrutura turística coordinada con capacidade para atender debidamente ao visitante; traballando baixo unha imaxe de marca recoñecible que permita diferenciar este xeodestino fronte ao resto de opcións coas que compite; xerando un proxecto común coa implicación de todos os concellos participantes guiado por un plan estratéxico que marque o camiño a seguir; e artellando unha estrutura organizativa e de xestión que permita desenvolver as estratexias e coordinar as accións definidas dun xeito profesional, áxil e permanente.

Que son os xeodestinos?

Os xeodestinos son recoñecidos pola Xunta de Galicia como os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais e que conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Trátase de establecer mecanismos de cooperación, estruturar a actividade mediante o aproveitamento racional dos recursos e impulsar o turismo dun modo eficiente con produtos e servizos competitivos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio.



esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi