Información
Localidades de Galicia

Alerta na D.O. Valdeorras pola falla de seguros agrarios que cubran os danos do mildiu que está arrasando os viñedos

Información
14 Agosto 2018 401 votos

A comarca de Valdeorras sufriu, neste 2018, un ataque de xeito masivo polo fungo mildiu, unha das pragas máis problemáticas e agresivas que poden afectar ao cultivo da vide. Aínda que os ataques por mildiu adoitan ser comúns noutras denominacións de orixe, ás que tamén están asolando este ano, en Valdeorras non é tan frecuente.

Pero neste 2018 déronse as condicións climatolóxicas ideais para o desenvolvemento do fungo: primavera con intensas e continuas choivas, temperaturas en xuño que non superaron os 30° e floración tardía e moi irregular que non deixaron desenvolver os acios por rotura da flor. Ademais, a causa das intensas choivas, non foron efectivos os tratamentos fitosanitarios porque a folla quedaba lavada antes de que o produto aplicado fose efectivo.

Así, cunha alta humidade ambiental e temperaturas entre 24° e 30°, déronse as condicións ideais para o desenvolvemento do mildiu con consecuencias desastrosas para os cultivos: acios completamente atacados, uva podre e, por extensión, perda total ou parcial da colleita en moitas parcelas. Segundo as estimacións do vocal do Sindicato Labrego Galego no Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Antonio García Fernández, as perdas medias de produción na denominación de orixe poderían estar entre o 30% e o 40%.

Sen cobertura nos seguros agrarios

O problema agrávase porque dende Agroseguro informan que esta enfermidade da vide non ten cobertura na Galiza en ningunha das modalidades existentes. A explicación que dan é que sería moi doada a fraude con deixar as vides sen tratar para despois dar parte e cobrar o seguro.

Para o Sindicato Labrego Galego, esta actitude das aseguradoras é totalmente rexeitable, xa que ademais de deixar sen cobertura as parcelas, criminalizan ao sector augurando prácticas fraudulentas que, en caso de darse, serían moi doadas de detectar porque se pode saber se unha vide recibiu os tratamentos necesarios para evitar a enfermidade ou non.

Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, e cremos que dende o todo o sector vitivinícola de Valdeorras, demandamos que o mildiu sexa unha praga subvencionable e asegurable como xa o é noutras comunidades do Estado (Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Illas Baleares, Madrid, Murcia e Valencia). O SLG leva anos denunciando a necesidade de que as liñas de seguros agrarios que se deseñan en Madrid para todo o Estado se adapten á realidade galega, pois hai moitos sectores da nosa terra, especialmente o do viño, que se atopan desamparados ante situacións de crise coma esta por non poder contratar seguros que cubran os riscos aos que están expostos.

Desta maneira, tódalas Administracións lavan as mans e deixan ao sector vitícola desamparado: as aseguradoras por non cubrir os riscos dos nosos viñedos, e a Consellaría de Medio Rural porque sempre se escuda nos seguros para non apoiar as viñas damnificadas.



esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi