Información
Localidades de Galicia

“Que pasa dentro dun cerebro galego?”.

Información
19 Julio 2018 227 votos

Baixo este suxestivo título, o investigador e divulgador científico Xurxo Mariño participou hoxe nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados pola Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolven ata o 24 de xullo en Santiago de Compostela. O biólogo ofreceu unha conferencia na que explicou de xeito sinxelo como é a actividade eléctrica das neuronas e puxo de relevo algunhas das últimas achegas científicas sobre bilingüismo e cerebro. Mariño é profesor do Departamento de Medicina da Universidade da Coruña e membro do grupo Neurocom, un dos pioneiros a nivel mundial na aplicación dun tipo moi preciso de rexistro da actividade eléctrica neuronal.

 

Xurxo Mariño profundou na actividade eléctrica das neuronas a partir de datos recollidos en laboratorios de neurociencia das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. O alumnado dos cursos, procedente de vinte e cinco países de Europa, América, África e Asia, puido “escoitar neuronas” en estado de vixilia e de sono, unha pegada sonora obtida tras pasar a actividade eléctrica destas células por un amplificador de audio.

Sobre a relación entre lingua e cerebro, Xurxo Mariño referiuse a novas investigacións que sinalan que as neuronas encargadas de almacenar o significado das palabras están distribuídas por todo a córtex cerebral, tanto no hemisferio esquerdo coma no dereito, e que, polo tanto, os dous participan de maneira activa no léxico.

O investigador tamén abordou algunhas características do sistema nervioso das persoas bilingües. Dominar ou aprender unha segunda lingua, explicou, produce un aumento de conexións neuronais: “A medida que aumenta a capacidade de falala, medra a densidade de materia gris, e canto antes se aprenda esoutra lingua maior é o incremento”.

O bilingüismo tamén deixa pegada na área de Broca, unha das zonas do cerebro humano. “Os experimentos con resonancia magnética amosan como nas persoas bilingües desde o nacemento o control dos dous idiomas está superposto nesta área, mentres que naquelas persoas que aprenden unha segunda lingua máis tarde a área de Broca controla as linguas de forma separada”, indicou. “Pero isto é só sinalar co dedo, non sabemos máis”, advertiu.

Dominar máis dun idioma ten ademais outra consecuencia alén do estritamente lingüístico. Segundo apuntan diversos estudos, as persoas bilingües teñen un tempo de reacción menor que o das persoas monolingües, engadiu Xurxo Mariño.

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi