Información

Persoal do 061 exixe á Xunta que faga público o cronograma e a data do traslado á Estrada

Información
XornalGalicia 15 Mayo 2018 224 Votos

Ratio: 5 / 5

Inicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activadoInicio activado
 

A Xunta de Persoal do 061 compareceu esta mañá en rolda de prensa –acompañada polo comité do Grupo Norte, que xestiona a atención telefónica, e representantes do comité do 112- para exixir da Xunta de Galiza que faga público, de inmediato, o cronograma e a data que manexa para facer efectivo o traslado ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galiza (CIAE) na Estrada; os custos da reforma que se está facendo, en cumprimento da Lei de Transparencia, e a convocatoria inmediata da mesa de negociación.

 

Do contrario, anunciou a convocatoria inminente de concentracións, tanto no SERGAS, como no Padroado da Fundación Urxencias Sanitarias de Galiza, e advertiu que, se a administración non senta a negociar, non descartan accións máis contundentes, como paros ou mesmo a convocatoria de folga.

A Xunta de Persoal da Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galiza 061 témese que a administración estea a repetir “a mesma  estratexia e, polo tanto, os mesmos erros cometidos no traslado do 112, ocultando deliberadamente os plans de traslado e adiando as negociacións até o último momento para ordenalo, tendo ou non alcanzado un acordo”.

Ninguén pode crer que estas alturas non exista un cronograma e un día D rodeado en vermello en algún despacho da Xunta

 Así o denunciou Mario Otero, o seu Presidente, quen demandou o cronograma e a data prevista para que se faga efectivo ese traslado entendendo que “non ten sentido seguir ocultado esta información. Ninguén pode crer que estas alturas non exista un cronograma e un día D rodeado en vermello en algún despacho da Xunta. É mais sería neglixente que non existirán”.

Otero advertiu da irresponsabilidade de realizalo “coa incerteza nas condicións que vai ter o persoal trasladado” o que, asegurou, que “sería contraproducente e abocaría ao fracaso seguro”. Unha incerteza que, lembrou, afecta a 190 familias das/os 87 traballadores estatutarios e 10 laborais do 061, xunto cos 93 traballadores/as de Grupo Norte, que non saben nin cando, nin como, nin en que condicións se producirá, o que podería provocar problemas no cadro de persoal –máis do 52% do estatutario é temporal- de cara ao verán.

Mesa de negociación e información

O Presidente da Xunta de Persoal lembrou que desde o comenzo do proxecto veñen demandando esa información e a convocatoria dunha mesa de negociación sobre as condicións do traslado na que estivera presente o Servizo Galego de Saúde.

Porén, non foi até o pasado 12 de xaneiro, tras desenvolver todo tipo de mobilizacións –concentracións, recollida de sinaturas, contactos cos grupos parlamentarios e mesmo xuntanzas cos responsables das consellerías involucradas- cando se celebrou a primeira xuntanza, que se limitou a “unha mera toma de contacto, a pesar de que a administración dispoñía por escrito das peticións dos traballadores/as desde maio de 2017”.

Segundo Otero, ese día a administración comprometeuse a convocar unha segunda xuntanza, 15 días despois, que non chegou a producirse. “Transcorrido ese período sen novas da administración, puxémonos en contacto coa dirección do 061 para reclamar a reunión prometida. A dirección do 061 xustificou o atraso na necesidade de manter reunións internas entre diferentes departamentos da administración da Xunta de Galicia. Non sabían na Xunta que había un traslado? Que coordinación existe entre os diferentes departamentos con competencias de persoal?”, dixo.

Tampouco obtiveron resposta da petición tramitada por escrito, o pasado 15 de marzo, tanto ao Xerente do SERGAS como ao da Fundación 061.

Cronograma “estrito” e incremento de gastos

Mario Otero explicou que en marzo de 2015, Núñez Feijoo anunciou o traslado “de xeito inmediato pero por fases”  do 112 e 061 e que desde aquela houbo un baile de datas. De feito, cando se trasladou o 112, en abril de 2017, xa se anunciou que antes de final de ese mesmo ano se trasladaría ao 061. Porén, a finais de 2017  adiábase para o primeiro cuadrimestre de 2018.

En febreiro de 2018, de novo o Goberno Galego atrasaba o traslado a “antes de fin de ano”. Daquela, o Conselleiro de Sanidade aseguraba que estaban traballando nun “cronograma estrito de traslado que se definirá en breve” que a día de hoxe, “se existe, non se fixo público nin sequera para os traballadores e traballadoras afectadas”.

Custos agochados

Entre mentres, segundo o Presidente da Xunta de Persoal, o 061 leva investidos 560.000 € en equipamento e actualmente está a realizar obras nas instalación do CIAE. “Parece incríbel que antes do seu estreo, o terceiro andar do CIAE, que foi deseñado seguindo as necesidades especificadas pola dirección do 061, estea sendo reformado totalmente”, afirmou.

9 anos e 14.000.000€ despois, o Centro Integrado de Atencións ás Emerxencias está moi lonxe de ser a realidade deseñada polo goberno de Núñez Feijoo

 Segundo explicou, a reforma foi dividida en dúas partes, por un lado a da Central de Coordinación e por outro o resto das instalacións. “Descoñécese  o importe, xa que o 061, incumprindo a Lei de Transparencia, non publica datos sobre os contratos menores (Plataforma de contratos de Galicia)”. As obras, segundo informou, están sendo realizadas por Ogmios, a empresa que se ocupou de rematar o CIAE cando en 2014 Antalsis entrou en concurso de acredores.

Considerou que as  obras que se están facendo “non se poden cualificar de pequenos axustes”, senón que supoñen unha reforma completa na que se eliminaron espazos, movéronse tabiques, cambiáronse os de pladur por cristal e reduciuse o número de postos de atención na sala de coordinación.

Isto hai que sumalo aos 6.099.800  €, I.V.E  incluído, da licitación inicial a Antalsis  Construción  e Servizos,  S.L., que en febreiro de 2014 entraba en preconcurso de acredores, co que se paralizaba a execución da obra que, un mes máis tarde a propia Antalisis cedía a Ogmios Proyectos S.L.

Ademais, en febreiro deste ano, o Consello da Xunta autorizaba a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio do Interior, para a cooperación da Garda Civil na prestación do servizo no CIAE  por importe 253.518,24 €.  “A día de hoxe non transcenderon datas para a incorporación dos 9 efectivos da Garda Civil comprometidos nese convenio, como tampouco se sabe nada sobre a integración de outros organismos Policía Autonómica, Garda Costas, Incendios Forestais e demais”, denunciou.

Por iso concluíu que “9 anos e 14.000.000€ despois –que é o cálculo do monto total-, o Centro Integrado de Atencións ás Emerxencias está moi lonxe de ser unha realidade, ou polo menos a realidade deseñada polo goberno  de Núñez Feijoo”.

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi