Información

Decenas de persoas reivindican os dereitos lingüísticos en Lugo

Información
XornalGalicia 14 Marzo 2018 304 Votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

OI Goberno de Feijóo esta instalando a crispación social nas rúas mentres eles se suben o salario a porta cerrada mais dun 7%

O pasado 26 de febreiro a cidadá galega Adela Figueroa dirixiuse a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego e foi neste intre cando comezaron os problemas.

 

A funcionaria botando man de pseudoargumentos, respondeulle: “No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante esta contestación Adela díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando se podía falar con outra persoa.

Cando a Figueroa se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese polo que tivo que soportar un novo ataque da funcionaria: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”

Unha delas mesmo chegou a dicirlle á administrada “Yo fui de la Sección femenina de Falange. Y bien orgullosa que estoy de haber sido de la Seccion Femenina. Trabajé en Madrid en la casa del Paseo de la Castellana. Debajo del Escudo del yugo y las flecha, Ojalá volviese Franco. Buena falta hacia!”

A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, declarou que “non recoñecer o dereito á atención en galego é unha mostra de desprezo ao noso pobo. É pretender manter pola forza e pola coacción, unha situación de marxinación denominada racismo lingüístico”.

Pazos afirmou que “non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas e a Xunta non faga o máis mínimo”. Desde a Mesa critica que a Xunta non condene esta discriminación lingüística, nin que non expediente a estas dúas funcionarias.

Para a Mesa este feito é un síntoma da política lingüística do PP na Xunta e xa tramitou queixas ante Consellaría de Presidencia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral para o Deporte e Valedor do Pobo para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais.

A galega que sufriu esta agresión Adela Figueroa, agradeceu o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística e apuntou que “as persoas galegofalantes temos uns dereitos que non debemos deixar perder porque o galego existe desde hai máis de 800 anos”. Acusou de “flagrante caso de apoloxía do franquismo” o dito por unha das funcionarias e convidounas a ler a Rosalía, Cunqueiro ou as cantigas medievais para descubriren a súa vitalidade.

A cidadá estaba exercendo os seus dereitos lingüísticos. O dereito a usar o galego aparece no Estatuto de autonomía, de 1981 e na Lei de normalización lingüística, de 1983 que tamén din que o galego é a lingua propia de Galiza e oficial xunto co español. O artigo 6.1. da LNL recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública. Tamén a Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galiza establece que o funcionariado ten que garantir  a atención na lingua oficial que solicite a cidadá ou cidadán.

Tamén lexislación estatal e internacional recoñecen o dereito que exerceu esta cidadá. A Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma ou o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarias de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

Desde a Mesa afirman que seguirán a denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo.  A pesar do esforzo desgaleguizador da Xunta hai esperanza para o galego porque somos moitas as galegas e galegos que con ilusión e vontade mantemos un compromiso co idioma propio de Galiza.

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi