Alfonso Rueda cuestiona e menospreza o apoio que dende distintos ámbitos, e nomeadamente os bombeiros, trasladamos aos operadores do 112

XornalGalicia  29 Mayo 2017  614 Votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

O pasado 23 de maio, ao ser interpelado no Parlamento sobre as consecuencias que o traslado da central do 112 á Estrada e o cambio forzado e improvisado do sistema de xestión de chamadas está a ter na atención das emerxencias en Galicia, puidemos oír unha vez mais a súa resposta tipo ante esta cuestión: nada é certo, todo vai ben, só hai un problema laboral dos traballadores coa empresa.

Pero nesta ocasión tivo a ben ademais cuestionar a veracidade dos traballadores dos distintos ámbitos das emerxencias que cada día somos testemuñas das situacións dramáticas que o mal funcionamento do último mes está a causar aos cidadáns.

Attachments:
FileDescriptionFile size
Download this file (2017-05-28-CARTAABERTAAOVICEPRESIDENTEALFONSORUEDA-MIB.pdf)2017-05-28-CARTAABERTAAOVICEPRESIDENTEALFONSORUEDA-MIB.pdf 179 kB

Non está de mais sinalar para empezar que, se ben é certo que existe un conflito laboral entre a empresa e os traballadores, esquivar a responsabilidade no caso cando o desencadenante foi a decisión unilateral e non consultada da Xunta de Galicia de trasladar a sede do 112 á Estrada é canto menos ruín, e tomar por parvos aos seus oíntes. Achacar así mesmo os problemas (que logo nega) na xestión das chamadas á situación de folga, cando esta ten decretados uns servizos mínimos do 80%, e que por ser precisamente mínimos nun servizo esencial se entende que poden atender correctamente as situacións cotiás, é abundar nese tratamento, e o que é peor, trasladar os problemas resultado das súas decisións aos traballadores que están a sufrir as consecuencias destas. Por suposto, faino vostede obviando a denuncia clara e pública dende o primeiro día de que o problema na atención e xestión das chamadas se deriva única e exclusivamente do mal funcionamento do novo sistema implantado (ou mais ben aínda en implantación, con módulos desactivados para tentar diminuír os colgues deste) e á falta de probas e formación suficiente e adecuados, non á acumulación de chamadas en cola pola diminución de persoal por servizos mínimos.

Cuestiona e menospreza o apoio que dende distintos ámbitos, e nomeadamente os bombeiros, trasladamos aos operadores do 112, pois como parte da cadea tamén estamos a notar e sufrir os atrasos que produce, e polo tanto o agravamento das situacións que atopamos. Non é cuestión de se fósemos todos ou uns cantos, como vostede prefire crer, senón de feitos. Parafraseando a un coñecido premio Nobel, cando un está equivocado, non fan falta cen contrincantes, chega un con argumentos. E vostede, estando terriblemente equivocado, prefire ignorar a realidade dos argumentos.

Por outra banda, se de representación quere falar, os sindicatos presentes na Mesa Intersindical de Bombeiros témola e exercémola unha vez mais no nome do noso

colectivo para trasladarlle de novo que a situación que está a provocar é extremadamente grave. E serán vostede e o Director Xeral de Emerxencias os principais causantes cando calquera cidadán que se vexa afectado por esta situación decida esixir responsabilidades.

Non xorde esta carta aberta simplemente desa intervención, suficientemente insultante por outra banda. Só tres días despois, tivemos tres exemplos mais dos graves atrasos que o colapso do sistema de atención de chamadas do 112 está a provocar na prestación do noso servizo.

O primeiro caso sería un accidente en Cesuras, para o que foi mobilizado o Parque Comarcal de Betanzos. Neste caso a activación foi en tempo, pero dende a chegada ao punto foilles imposible aos compañeiros establecer contacto telefónico co 112 para a xestión da información do sinistro, co conseguinte perigo de que, en caso de que a valoración in situ requirise doutros medios, non tería sido posible mobilizalos. Nin tampouco, unha vez rematada a intervención, terían constancia no 112 da dispoñibilidade dos efectivos para atender outra emerxencia, de non ser que por iniciativa dos compañeiros presentes se buscou unha alternativa para ter comunicación coa sala.

No concello de Pontecesures, nun incendio dunha cociña, sufriuse un atraso de uns 40 minutos en poder contactar co 112, que mobilizou nese momento ao parque de Vilagarcía. Por sorte a presencia de voluntarios de PC que foron quen de controlalo cun extintor evitou que esteamos a falar dunha catástrofe, pero é innegable que un servizo de emerxencias co que non podes contactar en 40 minutos (dato transmitido polos propios veciños), non pode considerarse  que dea un “nivel de atención satisfactorio”. No regreso ao parque os compañeiros comprobaron que seguía a ser imposible establecer contacto telefónico co 112.

Outro incendio nun garaxe de Monforte sufriu de atrasos similares. Os veciños presentes e os propios intervintes, do Parque Comarcal de Monforte e reforzados posteriormente polos de Chantada, denunciaron unha tardanza de mais de 15 minutos en ser atendidos polo 112, polo que a mobilización dos Bombeiros a fixeron directamente efectivos da Policía. Tamén hai constancia de que, á marxe de outros problemas organizativos, á hora de mobilizar o reforzo de Chantada o operador tivo que enfrontarse a un erro grave do programa dos que xa veñen advertindo, e que complican a xestión eficaz e eficiente da emerxencia.

Señor Rueda, repita que somos catro, que o nivel de atención do 112 é “satisfactorio”, que só hai un problema laboral entre traballadores e empresa… pero non o diga dende a protección dun atril, baixe á rúa a dicirllo á cara aos veciños e veciñas angustiados aos que non lles foi atendida a chamada. Dígallo aos que ven desesperados como as súas vivendas e pertenzas se van consumindo mentres o reloxo vai correndo. Ou aos que desaloxaron das súas vivendas e non saben a dimensión que o lume collerá mentres dan contactado con alguén que os atenda. Dígallo a quen sufrindo as consecuencias dun accidente ten que escoitar que ao alertante non lle collen a chamada no 112.

Ten vostede tres vías:

Se se considera capaz e comprometido coa sociedade á que di servir, escoite, comprobe a realidade do que lle dicimos e sexa valente para tomar as decisións precisas para solucionalo. Deixe de agocharse covardemente no “conflito laboral” e cumpra a súa función.

Ou siga no seu mundo, negando a realidade e na súa burbulla. Tarde ou cedo chegaranlle as consecuencias e pagará as súas responsabilidades, por mais que queira negalas. Entrementres, serán os cidadáns os que seguirán pagando a súa incompetencia.

Ou por suposto, aínda que lle soará a ruso, sempre pode dimitir.

Santiago de Compostela, a 28 de maio de 2017

Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia

 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..

@XulioFerreiro representa o peor da "indecencia política" a nivel Nacional, "defeca" nos seus mesmas palabras e promesas electorais..Poñendo ao descuberto o que hai detrás das mareas

Sábado, 06 Enero 2018
@XulioFerreiro representa o peor da "indecencia política" a nivel Nacional, "defeca" nos seus mesmas palabras e promesas electorais..Poñendo ao descuberto o que hai detrás das mareas

  Para os incrédulos o alcalde da Coruña, converteuse en presidente da Empresa Municipal Augas da Coruña (EMALCSA), Xulio Ferreiro onde A"atesoura de forma oculta á cidadanía" tesouros públicos en...