Sanidade pública “sen control”: “ten dimitido demasiada xente produtiva mentres manteñen aos que provocan as dimisións”

Información
19 Diciembre 2022 - Galicia - Correo electrónico - Imprimir - 1238 votos
social youtube xornalgalicia   feed-image

Luis Álvarez 191222 01O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, emprazou hoxe ao conselleiro de Sanidade a cesar á xerente da área sanitaria de Santiago logo da dimisión a semana pasada do responsable de Xinecoloxía do CHUS. Do contrario, dixo, deberá ser o propio conselleiro quen marche pola súa falla de autoridade despois dun rosario de dimisións derivados da situación crítica na que teñen situado á sanidade pública galega.

O portavoz socialista fixo un relatorio dos problemas provocados pola “xestión caótica” da sanidade por parte do goberno galego, que ten provocado un “gravísimo problema” para os galegos e as galegas. Sinala que tanto a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza condenando ao Sergas pola desproporcionada carga de traballo cos facultativos de atención primaria, como a cadea de dimisións teñen posto en evidencia a nefasta xestión do goberno galego.

 

Apunta que a dita sentenza “confirma algo que os socialistas galegos levamos denunciando dende hai anos”, que é que a sanidade pública galega padece hoxe as consecuencias do “paulatino desmantelamento e precarización” da sanidade pública, o que vén constituír a “voladura cotrolada dun servizo básico para os galegos e as galegas”.

 

Sinalou ademais á cadea de dimisións na sanidade, que culminou a semana pasada coa renuncia do xefe de Xinecoloxía do Hospital Universitario de Santiago. Lembrou que antes xa renunciaran, este mesmo ano, os responsables de Medicina Interna de Santiago e Ourense, os xefes de Atención Primaria en toda a área de Vigo no ano 2019, ou a xefa de Procesos Asistenciais de Pontevedra, Ourense e Salnés, ao pouco de cambiaran ao xerente da área.

 

Luis Álvarez apuntou que “ten dimitido demasiada xente que estaba a ser produtiva, pero se manteñen os que provocan as dimisións”, polo que, dixo, “é o momento de asumir responsabilidades políticas e que tomen medidas cos xestores ineficientes”. Apuntou que “o conselleiro de Sanidade debe demostrar autoridade” na toma de medidas fulminantes, ou do contrario “asumir en primeira persoa” as consecuencias.

 

Engadiu que esta xestión desastrosa estalles a provocar problemas serios cos propios profesionais do sistema, e sinalou ás reiteradas protestas da delegación galega da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos. Este sindicato ten cualificado de “inadmisible” que a Xunta convoque unha OPE con 1.294 prazas da que non inclúen unha sola de médico facultativo nin para Atención Primaria nin para Especializada, malia o déficit de médicos de Familia, Pediatría ou Urxencias.

 

Son os propios médicos, dixo, os que rexeitan a “ocorrencia” de formar ao persoal de enfermaría para atender ás urxencias nos PACs de Pontevedra – O Salnés cando falten os médicos, os mesmos que reclaman a convocatoria urxente dunha mesa de negociación para implantar a xornada de 35 horas semanais para todo o persoal sanitario. Reclaman acabar así co “agravio comparativo” cos profesionais doutras comunidades autónomas.

 

Sinalou que “non hai comparecencia de Alfonso Rueda nin do conselleiro de Sanidade capaces de ocultar esta realidade”, que se traduce en listas de espera “impensables hai uns anos” para acudir á atención primaria, provocadas pola falla de persoal. Sen embargo, dixo, o goberno galego ten renunciado a convocar as prazas MIR convocadas dende 2010, que permitirían aumentar a plantilla de médicos.

 

Proposta

 

O portavoz do Grupo socialista emprazou ao Grupo Popular a aceptar as emendas do PSdeG aos Orzamentos da Xunta, que serán aprobados mañá martes no Pleno do Parlamento, e que inclúen un plan de mellora das condicións laborais do persoal sanitario e non sanitario da atención primaria. Reclaman tamén un programa de incentivos para garantir a estabilidade laboral nos centros de saúde.

 

As propostas dos socialistas galegos inclúen o reforzo dos servizos de fisioterapia e traballo social, así como a incorporación de Podoloxía á Atención Primaria, desenvolver un Plan específico de Atención hospitalaria, e unha Estratexia Galega da Cronicidade. Reclamou tamén a posta en marcha de plans de Prevención en materia de Saúde Mental, a promoción de hábitos de vida saudable e contra os trastornos aditivos, así como un programa de loita contra a adición ao xogo.

 

Lamentou que “nada foi aceptado nin minimamente dialogado” por parte dun goberno galego que ten como única estratexia “minimizar un dos maiores problemas sociais de Galicia”, que pretenden “reducir a casos puntuais”.