O maxistrado Luís Villares prefire absterse no recurso sobre o nomeamento da concelleira de Deportes da Coruña aínda que non concorran as causas previstas por lei

Información
21 Noviembre 2022 - Galicia - Correo electrónico - Imprimir - 473 votos
social youtube xornalgalicia   feed-image

José Manuel Lage Tuñas | Xornal GaliciaO maxistrado da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) Luís Villares emitiu un informe no que indica que prefire absterse do coñecemento do recurso de apelación presentado contra a sentenza que, tal e como solicitaba Marea Atlántica, anulou o nomeamento de Mónica Martínez, que foi edil de Ciudadanos na corporación municipal, como concelleira de Deportes do Concello da Coruña. O maxistrado do TSXG explica que, aínda que non concorren as causas de abstención ou recusación sinaladas por Mónica Martínez na súa solicitude, prefire absterse, en aplicación da teoría das aparencias, elaborada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Unha vez recibido o informe do maxistrado, a Sala do Contencioso-administrativo do alto tribunal galego deberá decidir se acepta ou non a súa abstención.

No informe, Villares, que en febreiro de 2020 anunciou o abandono da súa actividade pública como representante da organización política En Marea, incide na súa “íntima convicción de obxectividade e imparcialidade con relación ao procedemento no seu conxunto”. Aínda que salienta que, neste caso, non concorren as causas de abstención previstas na lei, sinala que, seguindo a tese do TEDH, considera que converxen, acumulativamente, tres aspectos relevantes que o levaron a decidir apartarse do recurso: a persoa, a materia e o momento. “Cada un deles, por si só considerado, non alcanzaría a forza suficiente para xustificar unha abstención, pero acumulados, poderían chegar a ter a capacidade de crear unha aparencia de conflito, polo que, aínda que non aparecen relacionados como causas de abstención, a súa apreciación pola concorrencia conxunta lévame a tomar esa decisión”, afirma o maxistrado.

En canto á ratione personae, destaca que a impugnante -María García-, é representante dun partido político -Marea Atlántica- co que, desde a distancia, se mantiñan “relacións de cooperación” coa organización da que formaba parte o maxistrado, hoxe disolta. Sobre a ratione materiae, explica que está relacionada co obxecto da impugnación, “especialmente político, onde cobra singular relevancia a pugna partidista entre os grupos que conforman a corporación municipal, e que condiciona as posibilidades de organización do exercicio do poder”; e, sobre a ratione tempore, argumenta que está relacionada co momento en que se constituíu a actual corporación municipal, cando o xuíz aínda se atopaba en situación de servizos especiais. Estes tres aspectos, segundo Villares, poden poñer en cuestión “a debida aparencia de neutralidade que calquera cidadán/a debe ter da Administración de Xustiza”.

“Estamos ante unha lexítima confrontación, netamente política, á hora de organizar o exercicio do poder municipal, no que o que está en cuestión é a capacidade dos representantes da cidadanía para articular maiorías de goberno”, sinala o maxistrado do TSXG, á vez que afirma que se trata dun suposto “verdadeiramente excepcional da vida da corporación municipal, que vén determinado polas relacións entre os concelleiros e os partidos aos que pertencen, e pola lexítima contraposición de intereses políticos entre os representantes das diferentes opcións que concorreron ás eleccións”. Nese contexto, recalca que, a pesar da súa máis “absoluta imparcialidade, obxectividade e mesmo respectuosa indiferenza cara o fondo do asunto”, que lle permitiría “afrontalo con total independencia de criterio”, xa que “ningunha vantaxe ou prexuízo” lle podería deparar unha situación ou a contraria, entende que é “comprensible” que se puidese crear nun observador externo “unha aparencia de dúbida, aínda que fose ínfima, pola concorrencia entre as diferentes opcións políticas representadas no Concello de Marea Atlántica, como promovente da impugnación do nomeamento da concelleira agora recorrente como membro da Xunta de Goberno Local, e a relación de cooperación que esa formación mantivo con aquela outra da que fun representante con ocasión da miña situación de servizos especiais”.

En canto ao elemento temporal, Villares lembra que, aínda que é certo que en febreiro de 2020 anunciou o abandono da súa actividade pública como representante da organización política En Marea, “non é menos certo que a actual corporación municipal coruñesa se constituíu en 2019”, tras unhas eleccións onde mostrou, en nome daquela organización, “a preferencia pública por Marea Atlántica para aqueles comicios municipais”. Desta forma, indica que a agora apelada “representa a unha opción política na que, para un proceso electoral concreto, recibiu o apoio da organización que eu representaba”. En consecuencia, conclúe que, ata o final deste mandato, “podería afirmarse a existencia dun recordo público derivado dese feito que puidese cuestionar a aparencia de neutralidade”.

 

Ademais, no seu informe, Villares aclara que, dado que a designación de relator é unha decisión non xurisdicional, non tivo ocasión de coñecer os detalles relativos ao procedemento ata a presentación do escrito de solicitude de abstención ou subsidiaria recusación pola interesada, Mónica Martínez. Tras ese coñecemento, emitiu o informe no que sinala que prefire absterse.