Información

Inícianse as esperadas actuacións de restauración no castro de Santa Trega da Guarda e de escavación no Facho de Cangas

Información
XornalGalicia 12 Mayo 2018 115 Votos Sección ; Galicia

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 
Santa Trega

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar o inicio de novas actuacións en dous castros da provincia de Pontevedra enmarcados no protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. Concretamente, a partir do próximo luns a institución provincial comezará as tarefas de restauración e consolidación no barrio Mergelina do xacemento de Santa Trega, que durarán cinco meses, e desde o 22 de maio un equipo de arqueoloxía da Deputación levará a cabo as tarefas de restauración, durante un período de seis meses.

 

O luns, 14 de maio, tras obter a autorización de Patrimonio, a institución provincial comezará a consolidación e restauración de 2.642 metros cadrados no barrio Mergelina do xacemento de Santa Trega. Neste caso, Carmela Silva informou que "o orzamento é de 367.719 euros. Ningunha administración destina tantos recursos ao noso patrimonio".

A restauración e consolidación do xacemento guardés estenderase durante cinco meses e unha semana e será executada por Terra Arqueos baixo a coordinación de Rafael Rodríguez, o arqueólogo da Deputación que dirixiu a intervención realizada no Trega entre setembro de 2015 e abril de 2016.  Unha vez rematada a actuación, tal e como explicou a presidenta provincial, será o Ministerio de Fomento quen entre no castro para levar a cabo o proxecto de musealización.

Carmela Silva recordou que durante a fase de escavación do barrio Mergelina do Trega "puidemos constatar que o castro foi ocupado antes do que pensábamos, desde o século IV A.C. Tamén sacamos á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas".

A presidenta da Deputación aproveitou tamén para dar a coñecer a grande proxección que está a ter a actuación realizada no xacemento arqueolóxico do Trega. Deste xeito, adiantou que o vindeiro martes 15, un día despois do inicio dos traballos por parte da Deputación, xornalistas da cadea norteamericana ABC estarán na Guarda para gravar unha reportaxe do xacemento no marco do programa "Ocean Treks", que se emite en todos os Estados Unidos.

Pola súa banda, no castro do Facho de Donón, en Cangas, e tras acadar a autorización de Patrimonio, os traballos comezarán o martes 22 de maio e se estenderán durante seis meses. Neste caso, tal e como informou Carmela Silva, "a intervención comprende 1.300 metros cadrados, na croa do xacemento e na zona actualmente visible do mesmo, onde se recuperarán as estruturas e se rematará de escavar aquelas que non se finalizaron en campañas anteriores".

A presidenta destacou que o obxectivo no Facho é "completar os datos científicos existentes sobre o xacemento ao tempo que creamos unha área arqueolóxica homoxénea restaurada para o seu aproveitamento turístico por parte das persoas visitantes".  

O orzamento previsto para esta actuación é de 257.462,80 euros e os traballos serán executados por persoal da Deputación de Pontevedra baixo a dirección do arqueólogo Diego Piay. Tras o remate da actuación, será o Ministerio de Fomento quen lle tome o relevo á Deputación co inicio da musealización do xacemento. Carmela Silva tamén informou que, ao igual que aconteceu no resto dos xacementos nos que a Deputación interveu, "fixaremos tramos horarios para que as persoas interesadas poidan coñecer o traballo que o noso equipo de arqueoloxía está a acometer no Facho".

Situación do protocolo Deputación de Pontevedra e  Ministerio de Fomento

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para facer balance do estado de situación do protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. Neste contexto, Silva asegurou que "co remate dos traballos de consolidación-restauración no xacemento de Monte do Castro en Ribadumia e co inicio das actuacións no Trega e no Facho de Cangas, temos xa executado e finalizado os traballos que dependían de nós".

A presidenta tamén informou que nestes momentos existen tres xacementos pendentes de valorar. En concreto, "falamos de dous que foron afectados polos incendios, Taboexa nas Neves e Troña en Ponteareas, e outro polo estado de deterioro e interese social, Adro Vello no Grove".

Pola parte que compete ao Ministerio de Fomento, nestes momentos xa están redactados e entregados a Patrimonio os proxectos de musealización para os castros de Toiriz en Silleda, Alobre en Vilagarcía, Subidá en Marín e Igrexa Vella en Valga.  Amais, Carmela Silva anunciou que o 22 de maio "iremos ao Ministerio de Fomento para pechar os proxectos de musealización, aínda en fase de redacción, dos castros da Lanzada en Sanxenxo, Penalba en Campo Lameiro, Mercado dos Mouros en Valga, Adro Vello no Grove, Alto dos Cubos en Tui e Cruz do Castro en Cotobade e comezaremos a validar os contidos das musealizacións".  

Neste intre, tal e como informou Silva, o Ministerio de Fomento ten que definir prazos de adxudicación e execución dos proxectos de musealización xa redactados e impulsar o grupo de xacementos que aínda os teñen pendentes (Taboadexa nas Neves, Troña en Ponteareas, Adro Vello no Grove, Trega na Guarda, Facho en Cangas, Porta de Arcos en Rodeiro, Cabeciña en Oia e Castrolandín en Cuntis). 

Otros articulos relacionados.....