Información
Galicia

CCOO insta ao PPdeG e Feijóo na Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo

Información
05 Diciembre 2018 228 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOOO sindicato coida «inaceptable» que o Goberno galego non modifique os orzamentos nin actúe contra a precariedade e a rotación laboral

 

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) insta a Xunta a tomar medidas tras a suba do paro rexistrado por cuarto mes consecutivo.

 

O sindicato coida «inaceptable» que o Goberno galego non actúe contra a precariedade nin a rotación laboral, máis aínda cando Galicia continúa con peores datos ca a media do Estado, onde o desemprego descendeu lixeiramente.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, Galicia segue «ancorada nun modelo produtivo que non deixa crear postos de traballo nin riqueza». Para mudar as cousas, debe cambiar o modelo produtivo, xunto cunha aposta polo emprego de calidade. Ademais, hai que estender ás empresas medidas para mellorar a calidade do emprego, aproveitando o crecemento económico.

A sindicalista manifesta a súa «decepción» pola falta de reacción da Xunta de Galicia, pois non introduciu variacións no proxecto de orzamentos para o 2019. «De seguirmos así, será un ano máis perdido, pois malia que medra a economía, non se traduce en consolidación de emprego nin é de calidade», lamenta. Por último, Bouza avalía negativamente os índices de protección social, que «aínda son baixos». Por esta razón, afirma que «é o momento» de aproveitar a situación de mellora económica para recuperar dereitos perdidos durante a crise.

Paro rexistrado

O paro rexistrado volve subir en Galicia. En novembro aumentou por cuarto mes consecutivo: 625 persoas paradas máis ca no mes de outubro, o que equivale a un incremento do 0,37 %, mentres que na media estatal baixou en 1836 persoas. O número de persoas paradas inscritas nas oficinas do SEPE ascendeu ata 170.369, das que o 58 % son mulleres.

Por sexos, a suba do paro rexistrado concentrouse nos homes (1287 parados máis fronte a 662 paradas menos) e, por grandes grupos de idade, nas persoas de 25 ou máis anos (704 persoas paradas máis fronte a 79 persoas paradas menos menores de 25 anos). Canto á análise por sectores, o paro rexistrado sobe en todos eles agás na industria (71 persoas paradas menos) e no colectivo sen emprego anterior (231 persoas paradas menos); a suba máis acusada dáse na agricultura (313 persoas paradas máis, +5,15 %), na construción hai 262 persoas paradas máis (a suba é do 1,89 %) e nos servizos 352 máis (+0,30 %).

Desde o mes de novembro de 2017, deixan de constar como paradas 16.806 persoas nas oficinas do SEPE na nosa comunidade (un descenso do −8,98 %). Na comparación anual, o descenso máis acusado segue dándose nos homes e por sectores de actividade, na construción.

Análise da contratación

A contratación segue nutríndose da precariedade. Os contratos indefinidos mantéñense ao redor do 10 % sobre o total de contratos rexistrados. En concreto, no mes de novembro rexistráronse 84.427 contratos e, deles, 76.353 foron temporais (representan o 90,44 % da contratación) e só 8074 indefinidos (9,56 % do total). En termos mensuais baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1979 contratos indefinidos menos (−19,69 %) e 17.078 temporais menos (−18,28 %). Na comparación anual, rexistráronse 4402 contratos máis: 3004 temporais máis (+4,10 %) e 1398 indefinidos máis (+20,94 %).

Afiliación á seguridade social

Galicia tamén perde ocupación por cuarto mes consecutivo e a evolución da afiliación continúa sendo peor ca na media estatal. En novembro había 3327 persoas afiliadas menos ca en outubro, o que equivale a unha redución do 0,33 % (na media estatal, a baixada foi do 0,25 %), co que a cifra de afiliación total en Galicia quedou en 1.009.871 persoas (fronte a 1.064.973 de dez anos). Segundo o réxime, hai 2929 afiliacións menos no réxime xeral (inclúese o agrario e o do fogar), 384 menos no réxime de autónomos e 14 menos no do mar.

A perda de afiliación no mes de novembro de 2018 (o descenso foi do 0,33 %) foi maior ca en anos anteriores: no 2017 reducíase un 0,08 %, no 2016 un 0,31 % e no 2015 a diminución era do 0,22 %.

En comparación co mes de novembro de 2017 hai 20.714 afiliacións máis en Galicia, o que supón un aumento do 2,09 % (un ano antes producíase unha suba do 2,13 %). Na comparación anual tamén quedamos atrás: a afiliación media á seguridade social na nosa comunidade avanzou un 2,09 %, mentres que na media estatal fíxoo un 2,87 %.

Prestacións por desemprego

O 46,31 % das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego (son 71.663 persoas) e só o 45 % das que a perciben cobran unha prestación contributiva. Así pois, en outubro de 2018 había 83.085 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 37.532 percibían unha prestación contributiva (o 45,17 % do total das prestacións), 37.309 un subsidio por desemprego (o 44,90 %), 7869 a renda activa de inserción (9,47 %) e 375 correspondían ao programa de activación de emprego (0,45 %).

Polo tanto, segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en outubro de 2018 era do 53,69 % e segue caendo o gasto en protección por desemprego (en outubro baixa nun 3,3 % en relación co mesmo período do ano anterior).

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....


Esquema dos conos proxectados durante unha eclipse. Foto:...

PECHADO O CUARTO DE CONTENCIÓN
Días antes de que no Obelisco...

Esta mañá presentouse na sala de reunións da casa do Concello...

El próximo domingo 20 de enero el Club Waterpolo Pontevedra se...