Información
Galicia

A CIG-Ensino denuncia problemas de subministro nunha vintena de comedores escolares pola falta de xestión da Consellaría

Información
20 Septiembre 2018 1035 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

As deficiencias son responsabilidade da empresa concesionaria, Gescor, que xa foi sancionada nalgunha ocasión con até 17.000 euros de multa por incumprimento de contrato. Entre as deficiencias detectadas están a non provisión de alimentos elaborados, materias primas, menaxe, frigoríficos ou lavalouza, problemas no reparto, impagos a provedores/as e traballadores/as ou a falta de persoal coidador. Desde o sindicato lembrámoslle á Consellaría que ten que velar polo cumprimento dos contratos e facerse cargo directamente da xestión dos comedores.

 

Acumúlanselle os problemas neste arranque de curso escolar á Consellaría de Educación. Á marxe de todas as carencias de persoal docente, tamén se están a producir numerosas incidencias nos comedores galegos, en concreto nunha vintena dos que xestiona a empresa salmantina Gescor e que ten a concesión nuns casos para subministrar a comida elaborada e noutros as materias primas necesarias para a súa preparación. Pois ben, tanto as direccións dos centros como as ANPA´s teñen denunciado nestes primeiros días de curso diversos incumprimentos de contrato. Non é a primeira vez que esta compañía resulta sancionada por faltas graves, con até 17.000 euros, pero, dado que se están a repetir as queixas neste comezo de curso, a Xunta non tomou medidas efectivas nin para garantir o seu cumprimento nin, como demandamos en reiteradas ocasións, para facerse cargo da xestión directa dos comedores.

Entre as queixas máis recentes que vimos de recibir destacan a do CEIP Celso Emilio Ferreiro na Silva, en Cerceda, que elabora a comida para un total de 340 nenos e nenas de cinco centros da comarca de Bergantiños e que antonte non recibiu comida. Isto obrigou a eses centros a comprar pola súa conta empanadas, pizzas e bocadillos para darlle ao alumnado. Son numerosos os problemas que arrastra nesta zona a empresa privada con respecto a impagos a provedores e a traballadores.

A mesma situación insostíbel se repite en diversos centros da provincia de Lugo que levan con problemas no subministro de alimentos desde que comezou o curso. É o caso do IES Fonmiñá da Pastoriza que elabora tamén a comida para o IES Enrique Muruais da Pontenova e que nestes intres só ten materias primas para elaborar un prato de comida. A dirección pediu xa autorización por escrito á Xefatura Territorial para facer compra de alimentos básicos pero aínda non recibiu contestación. Tamén no IES Basanta Silva de Vilalba levan dous días sen recibir nada, a parte de que non foron dotados con frigorífico, e hai falta de persoal coidador. Neste sentido, noutros centros que teñen previsión de que os subministros se van acabar a Xefatura Territorial xa lles deu indicación de que merquen pola súa conta o pan, como o IES de Becerreá. A situación é tamén é igual de esperpéntica no CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita, nos IES Lamas das Quendas e de Val do Asma en Chantada, onde tamén se detectaron falta de pratos e enxoval desde comezos de curso.

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría que solvente de inmediato estes problemas para que hoxe todos os nenos e nenas teñan garantida a súa comida en condicións óptimas e co persoal necesario para o seu coidado. Á vez que a instamos a asumir directamente a xestión deste servizo para que non se produza a súa perversión a mans de empresas privadas que non son capaces de cumprir os contratos de concesión. Desde o sindicato sempre defendemos que os comedores e o transporte escolar son dous servizos públicos máis dentro do servizo educativo que presta a administración e, polo tanto, así deben ser tratados.

Queixas tamén nas cafeterías escolares

En paralelo á cuestión dos comedores, tamén se están producindo deficiencias no arranque de curso coas cafeterías escolares. Despois de que a Xunta resolvera a súa concesión nun concurso centralizado, moitas das persoas aspirantes elevaron a súa oferta de canon para non quedar sen o contrato, o que serviu, practicamente en exclusiva, para que a administración aumentase a recadación. Con todo, algúns adxudicatarios e adxudicatarias anteriores quedaron fóra ao non poder competir con empresas máis grandes, e agora atópanse con que teñen material inservíbel que compraron durante os anos que prestaron servizos. Polo demais, e aínda que o concurso se resolveu a finais do verán, o feito de que administrativamente non estea pechado, impide que se poidan abrir estes establecementos. Isto leva a que moitas persoas que quedaron sen traballo estiveron pagando igualmente a cota de “autónomos” durante as vacacións á espera de saber se lles era concedido ou non o contrato. Agora mesmo, quen finalmente si foi adxudicatario segue sen poder comezar a actividade, malia xa ter comprado provisións, polo que a Consellaría ten que resolver esta cuestión canto antes para non prexudicar máis economicamente a estas persoas e ao funcionamento habitual dos centros.

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

Destacado Campionato de Galicia de lanzamentos longos Sub16/18/20...

El 22 de febrero, Lume de Biqueira, la banda de gaitas...

A Marinha realiza no próximo dia 19 de fevereiro, na Esquadrilha...

O secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, compareceu esta mañá...