Información
Galicia

Begoña Rodríguez Rumbo subliña que a “opacidade” do goberno galego evidénciase no feito de que 19 entidades públicas nin presentaron as súas contas

Información
07 Agosto 2018 299 votos

A voceira de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe a “opacidade” coa que actúa a Xunta de Galicia á hora de modificar “segundo lle conveña” os orzamentos, tal e como ten denunciado o propio Consello de Contas no seu informe de fiscalización da conta xeral.

 

É máis, en rolda de prensa, preguntou ao presidente da Xunta “por que incumpre ano tras ano” tanto as recomendacións do organismo fiscalizador como a propia Lei de Transparencia de Galicia. “Cal é o motivo, a causa, a razón pola que a Xunta incumpre ano tras ano?”, inquiriu a deputada do PSdeG, quen advertiu de que a xestión de Feijóo “queda baixo un velo de sospeita” á vista do ditame do Consello de Contas.

Entre as cuestións que sinala este organismo, que comeza o seu informe reprochando á Xunta que as súas recomendacións se reiteran en cada anualidade sen que “se aprecien avances salientables” no seu cumprimento, figura, por exemplo, un recurso “excesivo” ao fondo de continxencia.

Como explicou Rodríguez Rumbo, o goberno galego utiliza o programa de imprevistos como “ponte” para “desviar fondos” a distintas partidas que non contaban con “suficientes” cartos. Así é, afondou, que o orzamento que sae da Cámara presenta moitas diferenzas co que se liquida, o que evidencia “falta de transparencia” e “deficiencias na xestión orzamentaria”.

ENTIDADES QUE NON CUMPREN

Outro asunto no que puxo o foco a parlamentaria socialista é no feito de que oito entidades públicas presentaron a súa documentación ao Consello de Contas fóra de prazo e outras 19 nin sequera a entregaron. Entre elas, citou a Turgalicia e ás fundacións Sotavento e Galicia Saúde.

Ao fío diso, aludiu ás trabas que pon a Xunta aos concellos que non están ao día, pero, reprochou, nestes casos “non pasa nada”. “Non ten ningunha consecuencia”, criticou.

A todo isto sumou que a Xunta segue aplicando o plan contable de 2001, cuxa base radica en plans dos anos 90, cando a estas alturas o sistema xa foi “actualizado” na maioría de comunidades. Deste xeito, se “dificulta” o acceso e a comparación dos datos, polo que Rodríguez Rumbo observou que “parece que algo se quere ocultar”.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi