Información

A Real Academia Galega celebra en Pontevedra a literatura e o compromiso cívico co idioma de María Victoria Moreno

Información
XornalGalicia 17 Mayo 2018 240 Votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Foto grupo DLGMarilar Aleixandre: "Os libros de María Victoria Moreno contribúen a desarmar estereotipos, a mudar representacións sociais que limitan os roles e actividades das mulleres"

Fina Casalderrey: "María Victoria celebra a palabra con responsabilidade, a súa escrita está enchoupada de páxinas dunha beleza que recende á verdade do seu ser. Non atoparemos ‘posverdades’ en todo canto escribiu"

Xesús Alonso Montero: "Protagonizou en Galicia un acontecer cultural desde 1970, en pleno franquismo, que non tiña precedentes", un "apostolado lingüístico" polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte

 

Pontevedra, 17 de maio de 2018.- Escritora, profesora, editora e activista da lingua e a cultura de noso, María Victoria Moreno foi tamén veciña ilustre de Pontevedra. Coma Castelao, non tiña partida de nacemento que acreditase tal condición, pero foi nesta cidade onde decidiu vivir e onde morreu en 2005, salientou Fina Casalderrey, unha das tres voces do Pleno da Academia que retrataron a autora na sesión extraordinaria celebrada hoxe no Teatro Principal da localidade co gallo do Día das Letras Galegas. A académica percorreu escenarios vitais e literarios desta muller "sabia e afouta" tras a análise que ofreceu Marilar Aleixandre das tensións entre a igualdade e os roles das mulleres na vida e na obra da escritora. Xesús Alonso Montero recuou ata o curso 1965-1966, cando a coñeceu en Lugo, onde foi docente dous cursos. Foi alí onde agromou o compromiso cívico e literario da homenaxeada co idioma, que a levaría a realizar en pleno franquismo "un apostolado lingüístico que non tiña precedentes en Galicia" e polo que foi represaliada coa retirada do pasaporte.

O presidente da Real Academia Galega abriu o acto logo da interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia a cargo do grupo Os de Algures, que tamén lle puxo o ramo á celebración coa interpretación do Himno tras o discurso de clausura de Víctor F. Freixanes. "Estamos aquí para celebrar a memoria, a obra e a figura de María Victoria Moreno. Este é ademais un acto de integración e amor, como diría ela, arredor da lingua e a nosa memoria colectiva", expresou o presidente, que salientou a condición de docente da autora elixida pola RAG como protagonista deste 17 de maio e a importancia do papel do profesorado á hora de espertar conciencias lingüísticas e sementar futuro para a fala, como ela fixo desde as aulas e como escritora que dedicou o seu talento a crear, sobre todo, obras "útiles no espallamento e descuberta dese mundo á xente nova". "Ese é o desafío que temos hoxe [para a lingua], o das novas xeracións, e nel temos que traballar todos xuntos", advertiu.

O presidente tamén se referiu a María Victoria Moreno como exemplo da capacidade da lingua galega de incorporar novas voces, tanto de xente de fóra de Galicia, como foi o seu caso, como das persoas galegas que non falan o idioma do país. Por último salientou á súa condición de muller, pois é a cuarta homenaxeada no Día das Letras Galegas nos seus cincuenta e seis anos de historia.

Escritora sen cuarto propio

Marilar Aleixandre abriu deseguido a quenda das alocucións académicas desde a perspectiva de xénero cunha intervención titulada "Escribir ou pasar o ferro: tensións entre a igualdade e os roles das mulleres en María Victoria Moreno". "Os libros de María Victoria Moreno contribúen a desarmar estereotipos, a mudar representacións sociais que limitan os roles e actividades das mulleres. Os seus escritos autobiográficos revelan o modo en que ela, como moitas mulleres neses anos e aínda hoxe, se viu obrigada a escoller entre pasar o ferro ou escribir, a deixar de escribir por pasar o ferro. Malia estes atrancos, María Victoria foi quen de elaborar unha obra narrativa e ensaística de grande calidade, e contribuír coa súa escrita e co seu compromiso á causa da lingua galega e á consolidación da literatura infantil e xuvenil. Isto en tempos roubados ao sono e á cociña, en calquera espazo onde puidese encontrar un mínimo acougo. Temos a esperanza, que María Victoria de certo compartiría, de que cada vez sexan menos as mulleres que deban enfrontarse a eses dilemas", concluíu a académica.

A protagonista do Día das Letras Galegas -sinalou- careceu durante moitos anos do cuarto propio que Virginia Woolf reivindicaba en 1929 para as mulleres. "Escribía á man na mesa da cociña, á luz dun flexo verde. Despois pasábao á máquina, en palabras da súa filla Begoña, en calquera sitio que estivese libre", expuxo Marilar Aleixandre. No conflito entre escribir ou dedicarse aos traballos domésticos e o coidados da familia, con tres xeracións ao seu cargo durante doce anos, a escrita nunca era a prioridade. "Como indican Isabel Soto e Xavier Senín [biógrafos da autora], rodeada de tarteiras, lavadoras e o ferro de pasar, gustáballe dicir que un bo día sairía da cociña para facer outras cousas".

Marilar Aleixandre tamén repasou algunhas obras de María Victoria Moreno nas que emerxe a tensión entre as ideas de igualdade e o papel tradicionalmente asignado ás mulleres. Aínda que a homenaxeada nunca se denominou feminista, a defensa da igualdade de xeito máis ou menos explícito ten un peso importante en varias das súas historias, mentres que outras reflicten "o outro polo do dilema". No ensaio As linguas de España (1991), compara a situación de discriminación das mulleres coa lingua galega: Na sociedade de predominio masculino en que vivimos, aínda hoxe, a muller é considerada coma cidadá de segundo rango e, en certos ambientes, recibe un tratamento semellante ó que rematamos de describir verbo das linguas nativas. O conto O Cataventos, recoñecido en 1975 co Premio O Facho, é "un canto á liberdade e unha crítica ao machismo"; mentres que Anagnórise (1988), "a súa novela máis conseguida" e obra "arriscada e pouco convencional", é tamén o libro dela no que "a crítica á discriminación e ás representacións sociais das mulleres resulta máis explícita".

Vento da terra

O acto continuou co discurso de Fina Casalderrey, "María Victoria Moreno: Vento da terra". O título elixido pola académica e amiga persoal da autora incorpora o pseudónimo co que María Victoria Moreno presentou en 1972 o Conto de Mariquiña ao Premio O Facho, que serviu de ganduxo nunha intervención chea de referencias á cidade que a acolleu, Pontevedra, e á súa personalidade a través de fragmentos da súa obra. "María Victoria Moreno é un vento de terra que, polo seu inmediato compromiso no sentir e no vivir, adquire por vontade propia a nacionalidade galega con ese compoñente consubstancial a todas as historias de amor, maior, sen dúbida, por se tratar de tempos nos que o vento non era precisamente brisa", dixo parafraseando a intervención da protagonista destas Letras Galegas no Congreso de poetas alófonos en lingua galega e o título da primeira novela que escribiu, Onde o aire non era brisa, ambientada nos anos do franquismo.

Igual que Castelao, María Victoria Moreno "aférrase axiña á beleza de Pontevedra", onde se instalou en 1963, despois de nacer en Estremadura, medrar en vilas castelás, estudar bacharelato en Barcelona e licenciarse como filóloga en Madrid. Foi nesta cidade onde escribiu Mar adiante (1973), "libro que se suma á causa dos pioneiros en abrir as portas da literatura infantil galega ao mundo, na procura de novas maneiras de contar, á conquista de novos lectores, de novas lectoras"; e tamén Diario da luz e a sombra (2004) ou os "versos luminosos e tersos" de Elexías de luz (2006), tres dos títulos da homenaxeada polos que transitou Fina Casalderrey. En todos eles, "María Victoria celebra a palabra con responsabilidade, a súa escrita está enchoupada de páxinas dunha beleza que recende á verdade do seu ser". "Non atoparemos posverdades en todo canto escribiu", engadiu sobre esta muller "feiticeira, refinada, sutil e asemade profundamente sinxela, valente e arrichada diante dos retos, transgresora, teimuda, de fortes conviccións, xenerosa ata o extremo de lle dedicar máis tempo a formar creadores que a crear para si propia, malia a calidade demostrada como lúcida narradora, como poeta de alma limpa, ou como ensaísta rigorosa".

Outra palabra chave no vocabulario para definir a María Victoria Moreno é "compromiso", capaz de resumir todos os proxectos que emprendeu, proseguiu Fina Casalderrey, que se detivo especialmente no compromiso da autora coa lingua e co ensino, sempre da man, tanto nas aulas, como profesora de adolescentes e mesmo mestra de literatura galega para mestres, como na literatura. "Este compromiso coa cultura e coa normalización da lingua abondaría para que, entre os elixidos das nosas Letras, figure, gravado a lume, o nome desta catedrática, mestra vocacional, cuxo maxisterio sementou tantas adhesións que, entre todos e todas, forman –formamos-, unha sorte de "Fundación Espontánea" que, co seu testemuño, terma do seu legado e pregoa os valores deste vento da terra de exquisita magnanimidade", abondou.

A etapa en Lugo e o agromar do compromiso cívico e literario

O compromiso coa lingua galega da escritora agromou en Lugo e herdouno, segundo ela mesma dixera e recordou Fina Casalderrey, de Xesús Alonso Montero, quen centrou a súa intervención neste trazo central da traxectoria da autora. "María Victoria Moreno protagonizou unha auténtica proeza intelectual nun tempo e nun espazo cultural que esixía, por parte dela, convencemento fondo, afouteza e clara determinación", arrincou o académico, que trasladou o público ao Lugo dos anos 60. Foi alí onde a coñeceu, no curso 1965-1966, cando se incorporou como docente de Lingua e literatura españolas ao Instituto Masculino, onde el dirixía o departamento destas materias. Empezou así unha estreita relación entre os dous, reflectida no seu primeiro libro, Mar adiante (1973), onde varios protagonistas levan os nomes dos fillos do académico.

María Victoria Moreno impartiu clases en Lugo dous cursos -antes de regresar a Pontevedra, onde exercera previamente como interina-, e alí engaiolou os alumnos, que atoparon nela "unha docente entusiasta e entregada". Pero tamén aprendeu ela dos seus estudantes, entre os que se atopaban os escritores Manuel Blanco Rábade e Xesús Rábade Paredes. "Uns catro meses despois de iniciado o curso, María Victoria, xa de cheo na causa da galeguidade e coñecedora das inquedanzas literarias daqueles alumnos chairegos, dialoga con eles para aprender deles voces e formas do seu idioma e para facerlles ver que ese idioma deberían asumilo con dignidade e con sentimento de honra, por eles e polas xentes subalternas que o falaban en toda Galicia", rememorou Xesús Alonso Montero.

O académico asegurou que ao pouco de comezar a década dos 70 María Victoria Moreno non só sabía xa ben o galego, e tiña "un admirable dominio do seu léxico e da súa gramática", senón que, cando escribía, escribía "en galego, desde dentro do galego". "O mesmo acontecía cando falaba, cando pronunciaba conferencias, tan brillantes moitas. Así pois, arredor de 1971, María Victoria Moreno xa non era unha escritora alófona no noso idioma, era unha escritora autófona".

O compromiso literario co galego foi consecuencia do compromiso cívico. Por iso, profundou, non só decidiu ser escritora en lingua galega, senón que foi moito máis alá: "Será a súa apoloxista e a súa reivindicadora, tamén dentro da aula, no instituto, onde era profesora oficial dunha lingua románica que non era a galega". Protagonizou así, "un acontecer cultural desde 1970, en pleno franquismo, que non tiña precedentes", un "apostolado lingüístico a favor de tan problemático idioma" que a levou tamén a impartir cursos de galego en distintas localidades que "desconcertaron a Policía política" e "alporizaron a moita xente ben pensante". O atrevemento custoulle a retirada do pasaporte, pero coñecida é a súa resposta: "Ela seguiu a impartir cursos de lingua galega e disertando, en tribunas toleradas, sobre a obra de Rosalía, as páxinas de Cabanillas e os poemas galegos de García Lorca".

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi