Información

Reivindican que as esculturas do Mestre Mateo roubadas pola familia Franco queden en Compostela

Información
XornalGalicia 11 Marzo 2018 320 Votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

IMG_20180226_113604O BNG emprendeu unha acción simbólica “para reclamar que as estatuas do mestre Mateo en poder da familia Franco fiquen en Santiago de Compostela para o goce do conxunto do pobo galego”, en palabras de Goretti Sanmartín Rei, concelleira e vicepresidenta da Deputación da Coruña, quen cuestionou que non se adoptasen “as medidas oportunas para que iso sexa unha realidade”. Estas esculturas estiveron expostas durante varios meses nunha mostra no Museo do Prado e no Pazo de Xelmírez e prevese que van ser devoltas á familia Franco sen que as administracións o impidan.

 

“Hai un clamor do tecido social para pórlle punto final a este roubo feito ao pobo galego no seu momento por parte da familia Franco despois de tantos anos de espolio continuado”, advertiu Goretti Sanmartín Rei. “Para iso reclamamos que as institucións movan ficha e, unha vez rematada a exposición que tiña as dúas esculturas de Abrahám e Isaac no pazo de Xelmírez, o Concello de Santiago debe pedir medidas cautelares para que non saian de Compostela”, sinalou.

A familia Franco non ten credibilidade para demostrar que esas esculturas son da súa propiedade e “as medidas cautelares son posíbeis porque son semellantes ás utilizadas cando se intentaron vender os debuxos das Cruces de Pedra de Castelao, que tampouco tiñan acreditada a propiedade, e foron depositados no Museo de Pontevedra no tempo que durou o proceso”, explicou. Así, advertiu que no Pazo de Xelmírez ou no Concello de Santiago deberan quedar depositadas as obras do Mestre Mateo “que obran en poder ilexítimo da familia Franco mentres duren os procesos xudiciais para que volvan ao punto de onde non deberon partir: a cidade de Santiago de Compostela e pertencendo ao conxunto do pobo galego”.

Pola súa parte, Luís Bará, deputado parlamentar do BNG, expresou que se trata “dun latrocinio perpetrado pola familia Franco de bens públicos e isto constitúe unha anomalía histórica e unha vergoña democrática que é posíbel pola complicidade do aparato do Estado, dende o Goberno español á Xunta de Galiza, pola impunidade coa  familia Franco que lle permite seguir disfrutando do Pazo de Meirás, do Pazo de Cornide e das esculturas do Pórtico da Gloria e doutros bens que foron roubados”.

Así, anunciou que dende o grupo parlamentar do BNG esixiranlle á Xunta que, en coherencia co inicio dos trámites da declaración como Ben de Interese Cultura (BIC) das esculturas do Pórtico da Gloria, “tomen todas as medidas necesarias para que poñan todos os medios de vixilancia e de control co fin de que as esculturas non se movan de Compostela e evitar o retorno á familia Franco”. “Pensamos que é hora de que o Goberno galego lles faga fronte de verdade para acabar con esta complicidade e impunidade con este espolio de bens públicos”, sinalou o deputado nacionalista.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi