Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

 

DENUNCIA A FALTA DE CAPACIDADE ORGANIZATIVA DERIVADA DO NON DESENROLO DUN SISTEMA DE EMERXENCIAS NETAMENTE CIVIL E PÚBLICO, COORDINADO E HOMOXÉNEO, EN CONTRADICIÓN CO ESIXIDO NA LEI DE EMERXENCIAS (19/10/2017)

 

 

Unha vez mais, e como ven sendo habitual e previsible, Galicia volveu a sufrir unha
intensa vaga de lumes que, se ben limitada no tempo por gracia da chuvia, deixou
graves danos e mesmo vítimas mortais. Non deixando de ser certo que se deron
certos condicionantes atípicos, non o é menos que cada vez ditos condicionantes
son mais comúns, e dende logo estaban detectados e previstos. Non poden servir
logo de coartada para xustificar a evidente falla de planificación no
dispositivo dispoñible.

 

Dende unha perspectiva profesional, e fuxindo de xustificacións e acusacións
simplistas sobre causas ou responsabilidades, cremos en calquera caso necesario
aportar ao debate unha análise seria sobre a previsibilidade de que se repitan
sucesos semellantes, as causas e condicionantes, e en que medida pode actuarse
ou non sobre estes de cara a mitigar as consecuencias no futuro. E disto,
evidentemente, despréndense as correspondentes obrigas e responsabilidades que
as diferentes Administracións poidan ter, por acción ou omisión.

 

O primeiro concepto a ter en conta sería o de período de retorno dun suceso
catastrófico, que nos ven a dicir que, por pouco probable que este sexa, acabará
por volver a producirse, e na nosa man estará influír nos condicionantes ou
medios de resposta de cara a separalos no tempo o mais posible, e unha vez
acontecidos mitigalos o mais rápido e efectivamente que se poida. Pero é seguro
(e así o vimos avisando os profesionais da loita contra incendios, e en especial
os compañeiros forestais) que tarde ou cedo se volven a dar, sendo unha
temeridade non prevelo.

 

As condicións climatolóxicas son un condicionante clave sobre o que a priori a
Administración non tería capacidade de acción, se ben está claro que os efectos
do cambio climático non só nos indican que si se deben tomar medidas, senón que
ademais a nosa influencia tende a diminuír o período de retorno e agravar as
consecuencias. Visto isto, tras un mes seco e sen vento, con prognóstico para o
domingo de fortes ventos, non prever un episodio de incendios forestais mostra
unha carencia total de previsión e deixadez de funcións.

 

E temos os tres piares básicos que determinan a aparición e alcance dos incendios:
os propios incendiarios, a estrutura territorial e agroforestal e os medios de
intervención.

 

É certo que, maioritariamente, os incendios precisan da man do home para
iniciarse, sexa intencionada ou non, e que sobre este elemento a
responsabilidade e capacidade de acción, da Xunta neste caso, sería limitada.
Pero iso non é escusa para descargar toda responsabilidade sobre este único
punto, e menos aínda coa criminalización xeneralizada de sectores da poboación
ou mesmo dos propios traballadores. Non só é ruín, senón que é un argumento que
facilmente se volve en contra do propio sistema que a Xunta defende, pois é
indiscutible que o maior beneficio económico deste modelo de xestión do lume é
para as empresas adxudicatarias dos servizos de extinción forestal. Acusar
gratuitamente a todas, e sen probas, de ser as causantes, sería inxusto e grave,
mais ese é precisamente o discurso mantido polo Presidente da Xunta e o seu
Goberno, amplificado polos medios de comunicación, apuntando aos traballadores
da extinción forestal, os que se xogan a vida, e marcándoos como chivo
expiatorio.

 

O segundo piar, a estrutura territorial e agroforestal, é determinante na
probabilidade, efectos, extensión e propagación dos incendios, e é
consecuencia
directa das políticas que se apliquen

nese eido. É polo tanto responsabilidade total das Administracións, que teñen
que lexislar, e sobre todo facer cumprir o que lexislan. E neste campo, a Xunta
ten toda a responsabilidade, admítaa ou non. Non só non o tiveron en conta ao
longo das pasadas décadas na definición do modelo de explotación do monte, senón
que as poucas e tímidas iniciativas que algún goberno tomou, como a creación das
UXFOR, foron dinamitadas pola actual Xunta do PP. E ante movementos sociais e
políticos no país veciño que piden coto á eucaliptización, non só non exploran
os motivos e aprenden, senón que o venden como unha oportunidade de monetización
para Galicia, sen valorar as graves consecuencias e custos, económicos e
sociais, que poden supor para o país. Adoptar medidas neste eido daría
resultados a medio-longo prazo, pero de moi amplo alcance, e non cabe demoralo
mais.

 

Por último o terceiro piar, do que formamos parte bombeiros forestais e urbanos, son
os medios de prevención e intervención. E resulta innegable, non xa á vista dos
feitos denunciados nas semanas previas e durante o episodio de incendios
sufrido, senón do que dende fai anos vimos reiterando os profesionais, que
conseguir un servizo de extinción homoxéneo, coordinado e eficaz non está entre os
intereses deste goberno
.
Tanto entre os forestais como entre os urbanos (que cada vez mais temos non só
que colaborar senón intervir directamente nos lumes iniciados como forestais
pola afectación a núcleos de poboación) levan anos establecidas unhas políticas
de heteroxeneización, mercantilización do servizo público coa introdución de
empresas privadas e a consecuente precarización de condicións de traballo e
servizo, falta de marco regulador común, e en definitiva, desorganización total
e absoluta, que deriva non xa nunha cuestionable cobertura, senón na
inseguridade dos intervintes e unha efectividade non óptima. É aínda mais grave
se temos en conta que, a raíz da vaga de incendios do 2006, se aprobou en 2007 a
Lei de Emerxencias de Galicia, que estipulaba prazos para a consecución da
homoxeneización das condicións dos distintos servizos, a elaboración do
Regulamento do Bombeiro, e a confección dun catálogo de medios. Mais de dez anos
de incumprimento da Lei, que nos podería ter dotado de ferramentas para definir
os medios precisos, coñecer os existentes e coordinar a súa acción con criterios
de efectividade.

 

O resultado destas carencias: profesionais de toda Galicia, e do resto do estado,
dispostos a colaborar e integrarse no dispositivo que non puideron facelo por
falta da coordinación operativa da Xunta. Persoal mobilizado dende algún parque,
tarde, mentres outros estaban á espera en localizacións mais achegadas sen novas
de ser activados. O Consorcio Contra Incendios de Pontevedra esixindo ao persoal
libre do servizo incorporarse e o levantamento da folga que manteñen dende fai
mais de dous anos, en lugar de esixirllo á empresa concesionaria. Anuncios de
que todo o persoal do Consorcio de Pontevedra estaba mobilizado, obviando que no
mellor dos casos se trataría de entre 12 e 17 efectivos, dos cales a metade se
supoñían reservados para atención a outras emerxencias. Aceptación de medios
alleos á comunidade mentres os propios (directos ou indirectos) esperaban
autorización para colaborar. E en definitiva, unha vez mais, a voluntariedade
dos profesionais, e sobre todo a propia sociedade civil, suplindo a inoperancia
dos seus xestores ante unha catástrofe que tería que ter unha resposta
profesional, pública e coordinada. Co agravante de ter que aturar ademais a
criminalización xeneralizada, a propaganda autoexculpatoria do Goberno da Xunta,
e a promoción da UME nun contexto de militarización de servizos públicos que
deberan ser sempre netamente civís na súa concepción.

 

Se os cargos públicos non tivesen responsabilidades neste eido como defenden,
tampouco tería obxecto que existisen os seus postos, e polo tanto en conciencia
só poderían dimitir.

 

Si hai polo tanto e sen lugar a dúbida responsabilidades políticas no feito de que
se dean este tipo de catástrofes e nestas condicións, e escudarse covardemente
no último eslavón do problema só pode ser mostra da falta de interese polo país
ou do descoñecemento profundo da realidade de mais de dous terzos do territorio
galego, o seu monte.

 

Santiago
de Compostela, a 19 de outubro de 2017

 

Mesa
Intersindical de Bombeiros de Galicia

Otros articulos relacionados.....
 Buscador Grupo Pladesemapesga con tecnología de Google

En el motor de búsqueda te ayudamos a encontrar exactamente lo que buscas.

 AyTP Acción y Transparencia Publica..

Las ansias de meter el diente a los público del gobierno de #XulioFerreiro les lleva a infringir múltiples irregularidades donde se auto-adjudican así mismos los contratos públicos del Ayuntamiento de A Coruña.

Martes, 24 Octubre 2017
Las ansias de meter el diente a los público del gobierno de #XulioFerreiro les lleva a infringir múltiples irregularidades donde se auto-adjudican así mismos los contratos públicos del Ayuntamiento de A Coruña.

  Según los portavoces del PP en María Pita el que "orquestó" el Proxecto Carcere , formaba parte del tribunal para controlar su "auto-adjudicación", para acceder a la partida de...