Información

Esquerda Unida solicita na Audiencia Provincial a nulidade do sobresemento da causa do carrexo de votos, xa que considera vergoñento que altos cargos do PP saian impunes

Información
XornalGalicia 27 Mayo 2017 1252 Votos

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

Consideramos que a resolución da audiencia é contraditoria en si mesma e que non satisfai ao canon constitucional, ao prescindir da motivación esixida constitucionalmente de garantir a elección libre dos representantes públicos, posto que non se observan no auto as normas legais esenciais que tutelan este dereito fundamental. 

 

Compostela, 27 de maio de 2017. Esquerda Unida presentou ante a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo a solicitude de nulidade do auto de pasado 11 de abril no que se sobresía a causa e arquivaban as actuacións referentes á investigación dun delito electoral presuntamente cometido por altos cargos do Partido Popular lugués, ao carrexar votos de persoas anciás e impedidas residentes no asilo Hogar de San Roque.

Esta petición de nulidade, previa ao recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, baséase no que se considera unha aplicación arbitraria da normativa legal, que vulnera directamente o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva en relación a garantir outro dereito tamén fundamental, o de participar nos asuntos públicos por medio de representantes libremente elixidos.

Attachments:
FileDescriptionFile size
Download this file (Auto apelacion.pdf)Auto apelacion.pdf 115 kB

Neste senso, o escrito presentado por Esquerda Unida expón que o auto emitido pola Audiencia Provincial realiza unha aplicación do dereito arbitraria, que ten como resultado a conclusión de que os feitos que constan acreditados, non son constitutivos, nin sequera con carácter indiciario, de delito. Con este argumento, a Audiencia ditaminou o sobresemento provisional, por considerar “non debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa”, a pesares de recoñecer no propio auto que os feitos denunciados dende a agrupación comarcal de Esquerda Unida Lugo, que o mesmo tribunal cualifica de reprochables ética e socialmente, quedaron acreditados con probas documentais e gráficas.

Esquerda Unida denunciara ao PP de Lugo despois de que o entón deputado de AGE, Ramón Vázquez, e o entón coordinador de Esquerda Unida de Lugo, Carlos Portomeñe, fosen testemuña de ver chegar a monxas e aos membros do PP de Lugo, José Luís Iravedra, Teresa Taboada, Serafín Rodríguez e Benigno Gómez, levando ás persoas do asilo a votar portando a súa papeleta nun sobre pechado desde a saída da residencia. Dende Esquerda Unida consideramos lamentable a decisión do auto emitido en abril na que os altos cargos do PP lugués saíran impunes de delito electoral coa decisión da Audiencia de acordar o sobresemento provisional e arquivo de actuacións no caso do carrexo de votos, así como un gran paso atrás na loita en materia de rexeneración democrática.

É por iso que Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo e membro do Consello Nacional de Esquerda Unida denunciou que “estanse a ignorar feitos probados de suma gravidade, polo que a democracia en si mesma perde sentido se non ten consecuencias penais que un colectivo vulnerable sexa forzado a exercer o seu dereito a voto de forma dirixida, aínda quedando probado, como así certificou o Instituto de Medicina Legal de Galicia, que tiñan as súas capacidades cognitivas alteradas”.

Voto particular da Maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana

Tamén lembramos que o pasado auto, que deixa impune a cargos do PP, contaba cun voto particular da Maxistrada Ana Rosa Pérez Quintana, que discrepaba da decisión dos seus compañeiros do Tribunal e, efectivamente, consideraba que existía un delito electoral. É dicir: que había carretaxe, pero parece que, para a Audiencia Provincial de Lugo, este non encaixaba nos delitos tipificados na Lei Electoral.

Ao xuízo da maxistrada, existían “indicios racionais suficientes de que as persoas trasladadas a votar non tiñan a capacidade cognoscitiva suficiente” e xustificaba a súa postura citando cinco casos de anciás trasladadas, a partir dos testemuños, para ir votar e decidir por quen facelo. A maxistrada explica claramente que debería ter sido estimado o recurso interposto por Esquerda Unida e ser chamada a declarar como investigada a directora da residencia da terceira idade.

Con estas apartacións, consideramos que a resolución da audiencia é contraditoria en si mesma e que non satisfai ao canon constitucional, ao prescindir da motivación esixida constitucionalmente de garantir a elección libre dos representantes públicos, posto que non se observan no auto as normas legais esenciais que tutelan este dereito fundamental. Por iso, “outorgamos a oportunidade de que se repare a vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, anulando a actual resolución e emitindo un novo ditame, antes de acudir, de ser preciso, á demanda de amparo constitucional”, expresa a coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo.

É por isto que dende Esquerda Unida vemos necesario seguir no traballo da defensa e da loita pola rexeneración democrática, xa que é verdadeiramente terrible e vergoñento gañar unhas eleccións por medio denigrando ás persoas.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi