Información
Galicia

Os traballos de limpeza de Costa dos Castros permiten descubrir novos petróglifos no Viveiro

Información
06 Abril 2017 2054 votos

elisa foto barco222Durante a intervención tamén se localizou a única das presas fluviais que se conserva na zona de Chelo

Oia (Pontevedra), 6 de abril de 2017.

Os traballos de limpeza de vexetación que Costa dos Castros vén de desenvolver na zona do Viveiro, na parroquia de Pedornes (Oia), tiveron entre outros resultados o descubrimento de novos petróglifos que se suman aos xa coñecidos, o que leva a constatar a elevada densidade de gravados rupestres que existe nesta área.

A intervención, enmarcada dentro das actividades da Asociación Costa dos Castros para este ano e que foi posible grazas a unha campaña de crowdfunding, desenvolveuse ao longo de catro semanas dos meses de febreiro e marzo en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes. Unha brigada da Xunta foi a encargada de acometer os traballos, desenvolvidos baixo a supervisión da arqueóloga Elisa Pereira.

O Viveiro concentra unha gran cantidade de petróglifos de diversas temáticas e cronoloxías, que van desde o Calcolítico-Idade do Bronce (hai uns 4.000 anos) ata a época histórica. Entre os motivos que se poden atopar están os xeométricos (circulares, liñas, coviñas…), axedrezados, cruciformes, serpentiformes, antropomorfos (formas humanas) e incluso escenas de monta.

Con todo, o gravado máis coñecido nesta área é o de Auga dos Cebros, que representa unha embarcación mediterránea do segundo milenio antes de Cristo e que é único en toda a fachada atlántica europea. Na súa contorna hai catalogados outros dous barcos, aínda que de menor entidade.

Os novos gravados que se localizaron durante os traballos na zona atópanse actualmente en fase de estudo e análise para dar a coñecer polo miúdo.

Estado de conservación

Durante a intervención, a arqueóloga aproveitou para estudar o estado dos diferentes petróglifos e puido comprobar como distintos factores van afectando á súa conservación: a humidade pola densa vexetación que rodeaba e cubría algúns deles, a acción do salitre que hai no ambiente, o desgaste provocado pola caída de rochas soltas próximas ao río Vilar, os liques e fungos que cobren a pedra, os lumes forestais ou as riadas dos últimos anos son algúns dos axentes erosivos identificados.

No caso concreto de Auga dos Cebros, Elisa Pereira incide na súa fraxilidade e na necesidade de preservar este relevante gravado, mostra de que xa existían relacións entre o Atlántico e o Mediterráneo no segundo milenio antes de Cristo. Segundo destaca, acadar apoios e desenvolver accións que permitan frear o seu deterioro son cuestións moi importantes, pero tamén o son todos os esforzos que se están a facer para dalo a coñecer á sociedade e así "involucrala en algo que forma parte da súa identidade cultural".

Maior e mellor coñecemento da zona

Os labores de limpeza con control arqueolóxico no Viveiro lograron mellorar a accesibilidade da zona e diminuír o risco de incendios forestais nun espazo que reúne valores arqueolóxicos, naturais e etnográficos. "A área quedou cunha claridade que permite entender a zona como un todo, especialmente a relación espacial que existe entre os diferentes petróglifos", sinala Manuel Ángel Pombal, vicepresidente de Costa dos Castros e membro da directiva da comunidade de montes de Pedornes.

Os novos gravados rupestres non son o único descubrimento resultante dos labores de tala e roza controlada, xa que tamén foi localizada unha das presas que se utilizaban para regadío, coñecidas como as presas de Chelo, nas inmediacións do río Vilar. Deste conxunto de infraestruturas hidráulicas que daban servizo aos veciños da Riña (Santa María de Oia) e aos de Vilar (Pedornes), só se conserva esta, de aí o seu importante valor como elemento etnográfico.

O acondicionamento realizado no Viveiro é un paso imprescindible que serve de base para futuras actuacións, como a colocación de sinais e paneis informativos que permitan aos visitantes facer o percorrido de xeito autónomo e coñecer os elementos arqueolóxicos, etnográficos e a toponimia tradicional da zona.

Galicia: Por la dignidad de los medios públicos y privados "CORROMPIDOS" por el Partido Popular


 

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi