Información

Os recortes no sistema de protección por desemprego son unha razón máis para a folga xeral do 19 de xuño

Información
XornalGalicia 16 Mayo 2018 965 Votos Sección ; Localidades de Galicia

Ratio: 0 / 5

Inicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivadoInicio desactivado
 

A CIG desenvolveu este mércores concentracións na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, A Estrada, Lugo e Santiago contra o novo recorte ao sistema de protección por desemprego que está preparando o Goberno de Mariano Rajoy, unificando as prestacións asistenciais -que son competencia autonómica- e integrándoas na Seguridade Social co obxectivo de reducir o tempo de percepción e a contía do subsidio. Enfrontar as políticas do PP, que lexisla só para favorecer as persoas máis ricas mentres endurece as medidas contra a clase traballadora, é unha das moitas razóns polas que a CIG ten convocada folga xeral o vindeiro 19 de xuño.

 

O Goberno do Partido Popular pretende unificar nunha única modalidade as diferentes axudas de carácter asistencial por desemprego (PAE, RAI e PREPARA), vixentes hoxe en día. Aínda que,  segundo ten declarado o Tribunal Constitucional, estas axudas son competencia autonómica, no seu afán centralizador, o PP non fai efectiva a sentenza e busca reformalas vía decreto dende Madrid, "aplicando así o artigo 155 ás persoas desempregadas galegas".

"Esta é unha máis das ducias de razóns que temos para ir á folga xeral que a CIG ten convocada o próximo 19 de xuño", salientou o secretario xeral, Paulo Carril, durante a concentración realizada diante do edificio administrativo da Xunta na Coruña. Pois esta folga é a resposta que debe dar a clase traballadora ao conxunto de políticas de recortes de dereitos e liberdades que se nos veu impondo nestes anos baixo a escusa da crise, cada vez máis parecida a unha gran estafa social. A CIG entende que hai que pasar á ofensiva e demostrarlle ao poder económico e político a disposición da clase obreira a loitar polos nosos dereitos e por ter un futuro digno na nosa terra.

Caída das contías e do tempo da prestación

Carril alertou que a reforma que o PP busca levar adiante a través dos Orzamentos do Estado suporá non só manter os recortes nas contías e os duros requisitos para acceder a estas prestacións impostos nos últimos anos, senón que provocará unha redución da duración do tempo de percepción, que baixarán unha media de entre 15 e 42 meses.

"Estamos ante un novo episodio das políticas do PP, que fai que as persoas ricas sexan máis ricas e as pobres máis pobres, neste caso atacando os traballadores e traballadoras sen emprego que precisan máis protección por parte da administración", subliñou o secretario xeral da CIG, quen lembrou que na Galiza hai máis de 188.000 desempregados/as, dos/as que 93.000 non teñen ningún tipo de percepción económica.

Baixa a taxa de cobertura

A este respecto criticou o continuo deterioro do sistema de protección social das persoas en situación de desemprego, até o punto de que a taxa de cobertura diminúe mes a mes até situarse preto do 50%, o que significa que case a metade das persoas que están desempregadas non teñen acceso a ningún tipo de prestación. Ao tempo, das que teñen acceso, a metade téñeno a prestacións non contributivas, "é dicir, a ridículos subsidios que non garanten a máis mínima oportunidade de cubrir as necesidades máis básicas da persoa”.

A Xunta non exerce as súas competencias

Para a central sindical é de vital importancia que sexan transferidas a Galiza as competencias nesta materia. De feito, o secretario xeral acusou a Xunta de consentir na reforma argallada polo Executivo de Rajoy "sen facer valer as competencias que ten", nunha mostra máis de que a única iniciativa que ten o Goberno de Feijoo é para facer seguidismo cego do ditado por Madrid, facendo deixamento das súas funcións e sen importarlle que isto supoña prexudicar as galegas e galegos que non teñen ningún tipo de axuda nin prestación social.

Nesta liña, Carril esixiu de Feijoo que non manteña unha actitude favorecedora da cesión de competencias "con esta nefasta consecuencia para os galegos e galegas desempregadas, que se ven vítimas dun novo ataque para a súa propia supervivencia".

Propostas da CIG para o sistema de protección no desemprego

Diante desta situación, a CIG demanda a adopción das seguintes medidas en canto ao conxunto do sistema de protección no desemprego:

Con carácter xeral:

1º A contía do SMI debe ser a que fixa a Carta Social Europea como asumiu o Estado español e debe corresponderse, polo tanto, co 60% do salario medio galego, o cal debería de ser de 857€ en 14 pagas.

2º Que as contías das prestacións se calculen sempre en relación ao SMI (Salario Mínimo Interprofesional na contía antes sinalada) e non ao IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples), como se vén facendo na actualidade, mecanismo de cálculo deseñado para seguir precarizando o pobo. Eliminación do IPREM para estes efectos. Hai que lembrar que no ano 2018 o SMI é 735,9 euros/mes, que debería ser –segundo a Carta Social Europea e segundo reivindicamos– 857€ mentres que o IPREM está situado en 537,84 euros/mes.

3º Derrogación das reformas das prestacións por desemprego do PP recuperando as prestacións e subsidios por desemprego, nos termos anteriores á reforma de 2012. É dicir:

  • Manter as contías das prestacións por desemprego no 70% da media da base de cotización dos últimos 180 días durante os 6 primeiros meses e o 60% desa media no resto do período de cobro, período de cobro que non se debe limitar a 24 meses.
  •  Recuperar o subsidio de maiores de 52 anos (agora 55).
  • Restabelecer o subsidio para maiores de 45 anos (agora chamado por esgotamento das prestación contributiva).
  • Eliminar o endurecemento dos requisitos para acceder á percepción dos subsidios en canto a que integrantes da unidade de convivencia son tidos en conta para realizar o cómputo de ingresos e que tipo de ingresos se contabilizan.

Ademais, todas estas medidas deberían implementarse con medidas de cobertura universal, como a renda de inserción laboral para persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi