Información
Agenda de Galicia

Equigal 2018 ofrecerá do 18 ao 20 e do 24 ao 27 de maio actividades deportivas relacionadas co mundo co cabalo.

Información
Localidades de Galicia 16 Mayo 2018 1122 Votos
Concello e Deputación de Lugo promoven unha nova edición solidaria do Salón Internacional do Cabalo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López; e o representante do Concurso Nacional de Saltos, Federico Pérez Lago, presentaron este luns no salón de actos do Pazo de San Marcos a décimo primeira edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 18 ao 20 e do 24 ao 27 de maio. No acto tamén participou o Presidente da Fundación de Dano Cerebral, Luís Abelleira Mayor. Como na pasada edición, a recadación íntegra da Feira será destinada a FUDACE, para apoiar o importante labor social que desempeña este colectivo na provincia de Lugo.

 

Concello e Deputación de Lugo son os principais impulsores desta cita que reunirá a milleiros de persoas afeccionadas ao mundo cabalar na capital luguesa. Durante o evento, vai ter lugar a terceira edición do Concurso Nacional de Salto Cidade de Lugo, un Concurso de Cabalo Árabe e o XI Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, que será puntuable para o Campionato de España  ANCCE.

No acto, a Alcaldesa puxo en valor “a relevancia do evento para a cidade de Lugo, pois na pasada edición foron máis de 10.000 persoas as que participaron no Salón do Internacional do Cabalo, coa consecuente repercusión económica que isto supón tanto para o sector servizos, como para o conxunto dos lucenses. Cabe destacar tamén o empeño dos organizadores por elevar en cada nova edición o nivel da anterior, pois este ano contaremos con importantes novidades como o Concurso de Raza Árabe”.

Álvaro Santos sinalou que “este ano fusionamos Equigal e Equiocio, dando resposta a unha vontade clara de impulsar e darlle maior dimensión e maior visibilidade á cita, a cal permitirá que a provincia de Lugo se converta durante dúas fins de semana na capital do mundo ecuestre, reunindo a milleiros de persoas chegadas de todos os puntos do noroeste peninsular, que poderán apreciar a beleza destes animais, así como disfrutar do espectáculo dos certames programados, nos que se darán cita algúns dos mellores exemplares do país e, como novidade, de raza árabe”.

O Deputado destacou o aspecto solidario da cita, pois “o importe recadado coas entradas irá destinado a FUDACE, un colectivo que ten o seu centro referencia en Castro de Rei, no que atende a unhas 60 persoas con dano cerebral e nas que traballan 48 profesionais para a súa atención. Reeditamos esta iniciativa logo de que o ano pasado conseguimos recadar máis de 1.000 euros cos que mellorar a calidade de vida e a atención aos usuarios da Fundación”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita máis de 100 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España. Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Concursos e actividades de lecer

Os días 18,19 e 20 de maio terán lugar os concursos de salto. Por unha banda, o Concurso de Salto Nacional ( CSN**) Cidade de Lugo de 2 estrelas.  E por outro, o CSN de  Ponis. Os días 24, 25, 26 e 27 terá lugar o XI Salón do Cabalo de Galicia, no que se realizarán os concursos de Pura Raza Española (PRE) e o último día, o domingo 27, será o Concurso de Pura Raza Árabe (PRA).

Ademais, realizaranse diferentes actividades de animación durante todo o evento, da man de Carrousel Espectáculo Amazonas. A entrada terá un prezo de 3 euros e os menores de 16 anos non terán que pagar. O importe recadado será doado á Fundación de Dano Celebral (FUDACE).

En  Equigal 2018 haberá unha zona de exposición e venda, que estará formada polas ganderías participantes nos concursos morfológicos e unha zona de cafetería con servizo ininterrompido desde a apertura do salón ata o seu peche.

Tamén haberá unha zona de lecer infantil, Poni Club, na que se ofertarán diferentes actividades relacionadas co mundo do cabalo enfocadas aos máis pequenos e sempre supervisadas por monitores. Trátase dunha ocasión especial para que se poidan iniciar na arte da equitación e para que tomen contacto, moitos deles por primeira vez, cun animal caracterizado pola súa nobreza e  mansedumbre.

Un salón consolidado

Equigal naceu no ano 2008 e dende entón logrou consolidarse coma o Salón Ecuestre de referencia no noroeste de España e un evento xerador de recursos económicos e de emprego. A organización estima que o retorno económico é de 13 euros por cada euro invertido polas institucións colaboradoras: Deputación e Concello de Lugo.

 O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.

Galicia: Por la dignidad de los medios públicos y privados "CORROMPIDOS" por el Partido Popular


 

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi