A Deputación da Coruña achega ao Concello da Baña un total de 57.000 euros co que se financiará o 71% do proxecto de mellora e humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle que conta cun orzamento de 76.848 euros.
Asuntillos familiares de Goretti Diputación Coruña +
O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, o alcalde do concello da Baña, José Andrés García Cardeso e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participaron no acto de sinatura de convenio polo que a Deputación da Coruña financia as obras de mellora do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle.
O proxecto conseguirá eliminar os problemas de encharcamento e recuperará o espazo para uso veciñal coa colocación de bancos e pavimento de granito.
Os traballos pretenden, en primeiro lugar, solucionar os problemas de acumulación de auga e encharcamento que se producen habitualmente na explanada que rodea a igrexa e a casa reitoral, un lugar usado como zona de esparexemento e celebración de actividades lúdico-recreativas da veciñanza.
Con este obxectivo, dotarase a zona dunha capa filtrante de grava sobre a que instalará terra vexetal e céspede. Así mesmo , construiranse unha serie de ramais de drenaxe soterrados que permitirán recoller a auga e canalizala ata un pozo existente nas marxes da calzada que linda co adro.
A zona dotarase tamén de nova pavimentación de acceso tanto peonil como para vehículos, ambas a base de lousas granito silvestre con acabado abuxardado e xuntas verdes para lograr unha integración acorde coa contorna. Os tramos peonís darán acceso tanto á igrexa como á zona do cruceiro.
Finalmente, dotarase ao adro dunha bancada que permita a reunión e descanso dos veciños na zona. A bancada instalarase no muro que delimita o predio e será cunha estrutura de aceiro negro liso con esmalte metálico sobre a que se instalarán unha serie de listóns de madeira, permitindo tamén unha axeitada integración na contorna.