Información
A Coruña

De "turismo institucional" por Argentina: Valentín González Formoso, visitou hoxe a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina e o Fogar Galego para anciáns de Domselaar

Información
29 Junio 2018 1379 votos
A Deputación da Coruña e o MEGA de Bos Aires realizarán un documental sobre a historia da emigración galega en Arxentina

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, continuou hoxe en Bos Aires a súa axenda de contactos coa colectividade galega en Arxentina.

 

Acompañado do deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, Formoso visitou esta tarde a sede da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, situado nun palacete modernista da rúa Chacabuco, no corazón do popular barrio de San Telmo da capital porteña.

A Federación agrupa a máis de vinte entidades e xestiona o Museo da Emigración Galega (MEGA), unha iniciativa singular creada coa colaboración económica da institución provincial coruñesa, que alberga miles de obxectos, documentos históricos e obras de arte que supoñen unha excepcional testemuña histórica da importancia da emigración galega no desenvolvemento social e económico da Arxentina e da propia Galicia.

O presidente da Federación, Diego Martínez Duro, a secretaria da entidade, Lorena Lores, e a directora do MEGA, Hebe Mabel Otero, acompañaron ao presidente e ao deputado durante o percorrido polas instalacións e explicaron os detalles do seu importante labor para preservar este magnífico legado cultural e o traballo que están a realizar para dixitalizar os miles de valiosos documentos almacenados no arquivo que custodia a entidade.

Ao remate da visita, Valentín González Formoso e Diego Martínez anunciaron que ambas as dúas entidades desenvolverán conxuntamente un novo proxecto para a recuperación da memoria colectiva da emigración galega a través da gravación dun documental que recollerá as testemuñas e relatos persoais en primeira persoa dos emigrantes galegos que chegaron a Arxentina durante o século XX.

"Queremos que sexa un proxecto de referencia que nos axude a entender en profundidade e a divulgar a ambos lados do Atlántico a enorme dimensión que tivo a emigración galega no desenvolvemento deste país e de Galicia", apuntou o presidente da Deputación da Coruña, que subliñou que a iniciativa pretende "preservar para as vindeiras xeracións as testemuñas históricas da xente que viviu este proceso en primeira persoa, que participou del e que aínda vive a día de hoxe. Persoas que viñeron en barcos dende A Coruña para empezar de cero as súas vidas e que estamos coñecendo durante esta viaxe. Persoas que conservan na súa memoria partes da nosa historia que non se recollen nos libros e que corren o risco de perderse para sempre", afirmou.

González Formoso afirmou que a Deputación da Coruña e o MEGA "asumen con ilusión o ambicioso reto de tratar de compilar nun documento audiovisual rigoroso e extenso unha parte fundamental da historia común de Galicia e Arxentina" e considerou que "ninguén mellor que os responsables do Museo da Emigración Galega" para botar a andar este proxecto, que será financiado pola institución provincial coruñesa.

O "gran labor social" do Fogar Galego para Anciáns de Bos Aires

O presidente da Deputación visitou tamén hoxe o Fogar Galego para Anciáns, situado na localidade de Domselaar, nas aforas da cidade de Bos Aires, onde foi recibido polo presidente da entidade, Bernardo Rey González, e polos membros da xunta directiva.

González Formoso percorreu as instalacións do centro residencial, que hai escasos días celebrou o seu 75 aniversario e que acolle actualmente a 120 persoas maiores con escasos medios económicos, o 80% delas procedentes de España.

Segundo explicou Bernardo Rey González, a entidade fundouse en 1943 por un grupo de galegos motivados por un feito triste: o falecemento dunha anciá galega sen recursos que vivía nas rúas de Bos Aires a causa dunha ola de frío. "Dende entón a nosa misión é que ningún galego se vexa nunha situación similar", afirmou o presidente desta histórica entidade, que lembrou tamén que o centro levantouse coas achegas solidarias da colectividade galega e de centros históricos da capital bonaerense coma o de Betanzos ou o de Santiago.

Rey González agradeceu "a longa traxectoria de colaboración da Deputación da Coruña, que nos axuda a manter a actividade asistencial do Fogar Galego que hoxe da servizo a máis de cen maiores, a maior parte deles emigrantes galegos con escasos recursos".

González Formoso saudou aos residentes, coñeceu os distintos servizos que ofrece o centro, que dende 2004 conta con axudas anuais da Deputación, e destacou "o gran labor social que realiza" e a súa contribución para "engarzar as palabras Galicia e solidariedade".

O presidente escoitou tamén as necesidades do centro, que inclúen certas reparacións interiores do edificio e a adquisición dunha nova ambulancia medicalizada (a anterior foi adquirida pola Deputación hai unha década) para o traslado de internos a urxencias hospitalarias e ás consultas médicas que se realizan diariamente entre Bos Aires e Domselaar, a unha hora de distancia por estrada.

Formoso comprometeuse a manter as axudas provinciais que axudan a soster "un centro de referencia para a colectividade galega" e a estudar a posibilidade de incrementar a achega económica provincial en 2019 para financiar a adquisición da nova ambulancia.



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi