Información
A Coruña

3 millóns de euros para a contratación de persoas desempregadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes

Información
24 Abril 2016 3956 votos

A Deputación da Coruña destina este ano, a través do novo Plan de Emprego Local (PEL), un orzamento 2.980.000 euros para apoiar aos 82 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos. As bases completas do programa publicaranse no BOP de mañá xoves, 21 de abril.

Segundo subliñou o presidente provincial, Valentín González Formoso, esta achega económica supón "triplicar os recursos que ata agora viña destinado a Deputación á creación e fomento do emprego nos pequenos e medianos concellos coruñeses", e contribuirá "á favorecer a inserción laboral das persoas con maiores dificultades" e a "paliar as dificultades que a Lei Montoro impón a todos os municipios, independentemente da súa situación económica, para a contratación de novo persoal".

Con cargo ao anterior programa de fomento de emprego nos concellos, a Deputación creou o ano pasado un total de 218 postos de traballo na provincia, que este ano espera incrementar ata os 500, triplicando a asignación económica desta liña, que pasa de 850.000 a case 3 millóns de euros.

Por primeira vez, a Deputación usará como criterio de distribución das axudas o número de persoas desempregadas en cada municipio en lugar do número total de habitantes, como se viña facendo ata o momento, de xeito que o reparto sexa máis equitativo e acorde ás necesidades reais en materia de creación emprego de cada concello. Tomando como base a porcentaxe de desempregados de cada municipio sobre o total de parados nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes (35.320), establécese unha táboa de asignación económica por tramos que van dende os 19.000 aos 52.000 euros por municipio (ver táboa ao final da nota).

Con estes fondos, os concellos poderán financiar, ata o 31 de decembro de 2016, os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal que se destinará á mellora dos servizos municipais básicos.

Destinado a persoas con dificultades de inserción laboral

Tamén por vez primeira, a Deputación esixirá nas bases do programa que a contratación beneficie a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao de discapacidade recoñecido, persoas con especiais dificultades ou en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes (90.397 persoas integran as listas do paro rexistrado na provincia o pasado mes de marzo, dos que 41.748 son homes e 48.649 mulleres).

Dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Así, a liña PEL-Concellos do Plan de Emprego da Deputación persegue un dobre obxectivo: por unha banda, mellorar a prestación de servizos e obras a nivel local por parte dos concellos que, debido á crise e ás restricións que afectan a todas as entidades locais, teñen dificultades para cubrir axeitadamente a prestación de servizos mínimos esenciais para a poboación e, por outra banda, favorecer a incorporación ao mercado laboral de persoas con necesidades especiais e con maiores dificultades para a atopar un emprego.

30 millóns de euros para crear 3.000 empregos na provincia ata 2019

O PEL-Concellos é a primeira liña de actuación que se pon en marcha das catro con que conta o novo Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, presentado o pasado 14 de abril, que contempla un investimento global de 30 millóns no período 2016-2019 para estimular a creación de 3.000 novos postos de traballo directos nos sectores público e privado, así como apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.

O PEL ten un orzamento de 7 millóns de euros para 2016, dos que 3 corresponden ás achegas aos municipios de menos de 20.000 habitantes.

Ademais desta liña de apoio aos concellos para a xeración de emprego, a institución provincial destinará este ano 1.270.000 euros para un programa de apoio ao emprendemento sostible e innovador que inclúe accións de fomento da iniciativa empresarial, promoción dos viveiros de empresas e espazos de coworking, e a creación dun premio á mellor iniciativa emprendedora na provincia.

O PEL leva tamén unha novidosa liña de apoio ás PEME da provincia dotada con 2 millóns de euros, que consistirá en incentivos de ata o 75% dos custes salariais para a contratación de novo persoal por parte das pequenas empresas da provincia e unha última liña, cun orzamento de 400.000 €, destinada á elaboración e presentación de novos proxectos orientados á xeración de emprego que optarán a financiamento europeo, o que permitiría incrementar esta aposta polo emprego da Deputación da Coruña.



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi