|
O voceiro de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro García, defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha Proposición non de Lei, presentada polo trámite de urxencia, na que demanda solucións para a grave crise que está a sufrir o sector lácteo galego, “a peor da súa historia”. Entre as propostas figura a elaboración dun Plan Estratéxico para o Sector Lácteo Galego que contemple, entre outras, medidas para incentivar economicamente aos produtores, para plans de abandono e xubilacións anticipadas e un acordo entre produtores e industrias para acadar un prezo de referencia.
Así mesmo na iniciativa o PPdeG solicita demandar do Goberno da nación a posta en marcha dun Contrato Homologado único para todo o Estado e impulsar tódalas accións necesarias encamiñadas á recollida de todo o leite producido en Galicia, independentemente de que se comercialice por gandeiros ou cooperativas.
Para Roberto Castro estas medidas son urxentes e necesarias xa que Galicia é a primeira produtora láctea do Estado e tamén a primeira en número de explotacións. “Esto pon de manifesto os esforzos importantes dos gandeiros en mercar cota, en investir importantes recursos mercando gando, mellorando as explotacións, en adquirir maquinaria e agora moitas explotacións viven ao borde da creba económica senón se dan unha serie de garantías ao sector”.
CAÍDA EN PICADO DOS PREZOS E AUMENTO DOS CUSTES
O voceiro popular indicou na súa intervención que esta fonda crise no sector está provocada por unha caída de prezos en orixe, estimada nun 25% no presente ano, e o incremento dos custes de produción que se estima no 40% o que está a provocar unha fonda inquedanza nos produtores. Roberto Castro tamén propuxo na súa iniciativa a promoción da trazabilidade do leite, co fin de que o consumidor poia coñecer a orixe do produto que consume.
Así mesmo o PPdeG solicita actuacións encamiñadas a reducir, ata chegar a súa eliminación, as prácticas monopolísticas das industrias fabricantes de pensos que, segundo Roberto Castro, van contra o libre mercado, condicionan os prezos e non reflexan as baixadas nos prezos dos cereais.
O voceiro popular criticou o “pouco o nada” que se está a facer polo sector xa que “os contratos homologados da Consellería están a ser papel mollado, o Ministerio segue a permitir as importacións masivas de leite foráneo, de países excedentarios, co que os prezos teñen que baixar forzosamente e non hai no horizonte inmediato un novo Plan Lácteo para que as explotacións poidan buscar a súa viabilidade”.
Roberto Castro finalizou a súa intervención indicando que o incremento lineal do 2% para os 27 países da UE significou unha auténtica “inundación láctea” en España e Galicia, coa conseguinte baixada de prezos e o novo incremento do 1% , tamén lineal acordado recentemente na UE, vai significar un “golpe definitivo para o sector”.
Suscríbete a las noticias del Mar y la Pesca en tu entorno:
Suscríbete a las noticias de Galicia en tu entorno:
|