|
Nun emotivo acto, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e a nai de José Couso, María Isabel Permuy, foron os encargados de descubrir o venres pola tarde a placa co nome da Praza da Paz José Couso, no barrio de Esteiro. Estábase a dar cumprimento ao acordo plenario que, o 24 de abril, se adoptaba por unanimidade e a petición da asociación de veciños Fontelonga. Un acordo que pretendía lembrar a memoria do cámara ferrolán, pero tamén reivindicar a súa férrea defensa pola liberdade de expresión e de prensa. Liberdade pola que perdeu a vida na guerra de Irak.
Nesa liña, Vicente Irisarri, dirixíndose directamente á nai de José Couso, aseguroulle que falaba co corazón ao agradecerlle ao seu fillo a súa loita a prol da liberdade. Tamén a quen lle formou neses valores de tolerancia, solidariedade e de respeto polos demáis. Asemade, Irisarri destacou que era un sentimento unánime de todas as forzas políticas municipais “recoñecer eses valores” e afirmou, respeto da batalla xudicial que esta librando a familia, que “para nós xa tedes gañado, porque estades dando todo un exemplo”.
José Miguel López, en nome da asociación veciñal Fontelonga, tivo verbas de agradecemento para o actual equipo de goberno por atender a petición realizada. Asemade, a edil de Cultura, Yolanda Díaz, referíase a elo como unha mostra do compromiso da nosa cidade e de que se saben facer as cousas, de maneira participativa, contando cos cidadáns. Así, a edil situou o acto de hoxe como un berro colectivo contra as guerras inxustas.
Finalmente Antón Cortizas leu un relato dunha peza que escribiu a raíz das fotos que se ían publicando da Guerra de Irak para que “servise de alento” á familia de Couso. Tamén en recordo aos falecidos inxustamente.
O acto rematou coa interpretación do Himno Galego e coa ofrenda floral no Cantón de Molíns, perante a escultura “As Ceibes”, obra de Manuel Patinha.
IV Premio Jose Couso: José Vidal-Beneyto
Dentro dos actos de homenaxe a José Couso, o Concello ferrolán acollía o venres pola mañá a recepción oficial ao último gañador do Premio José Couso da Liberdade de Prensa. O articulista valenciano José Vidal-Beneyto. Un acto que tiña lugar no Salón de Recepcións e no que participaban o primeiro edil, Vicente Irisarri, a tenente de alcalde, Yolanda Diaz, e representantes de tódolos grupos municipais.
Sobre o galardoado, o alcalde ferrolán evitaba facer definicións, pero aseguraba que representa a unha minoría clave que serviu para que valores como “cultura, democracia ou liberdade aflorasen nunha etapa de represión como a franquista”. Asemade, Vicente Irisarri amosaba a súa satisfacción por poder estar ao carón dalguén “ao que lle dediquei moitas horas da miña vida” a través da lectura dos seus escritos. E, ao fío desto, apuntaba que estes “nos axudan a formar opinión e a entender mellor o mundo”.
Mentres, o presidente do Clube de Prensa de Ferrol, Xan Morales, recordaba que o Premio José Couso de Liberdade de Prensa nacera dos xornalistas pero non sólo para eles, senón para toda a sociedade, polo que demandou a súa implicación co fin de acadar un dos pilares básicos da democracia: a liberdade de prensa. Asemade, o presidente da entidade cultural destacaba o carácter aberto do galardón, ao que se poden unir asociacións, empresarios, entidades e mesmo os veciños. Noutro momento do seu discurso, agradeceu o esforzo realizado polo premiado, José Vidal-Beneyto ao desprazarase dende París para recoller a distinción, na que é a segunda das súas estadías na cidade do naval, tras o seu paso, tal e como recordou o propio rexedor municipal, no ano 1964. Finalmente, o presidente do Clube de Prensa destacou que se trata dun “digno gañador do premio”, para engadir que Ferrol “é hoxe a capital do xornalismo de Galicia”.
O director comarcal de Caixanova, Angel Martínez Moar, presente tamén no acto, destacou que a inversión anual das caixas en España en Obra Social se eleva a 1.500 millóns para asegurar a continuación que a súa entidade “está hoxe con Ferrol e coa liberdade de prensa”.
Por último, Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas, aludiu a tres razóns para felicitarse pola concesión do galardón a José Vidal-Beneyto. A primeira: a posibilidade de denunciar feitos como a mercantilización da información. A segunda: “ter entre nós a José Vidal”. E a terceira e última, dixo Pereiro, adicarlle unha praza a José Couso porque a miúdo “as vítimas non son as que pasan á historia”.
Suscríbete a las noticias del Mar y la Pesca en tu entorno:
Suscríbete a las noticias de Galicia en tu entorno:
|