|
 O novo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Pereiro, alertou de que a información, “unha mercadoría cada vez máis cotizada”, está tamén “cada vez máis desvirtuada”. Durante a toma de posesión do seu cargo, Pereiro apelou ó “apoio” de lectores, oíntes e espectadores á profesión xornalística, especialmente “naquelas ocasións en que, despois de tanto roer, chegamos á conclusión de que temos que responder como Bartleby, o escribinte do conto de Herman Melville: Preferiría non facelo”.
O acto, celebrado esta mañá en Santiago, supuxo o traspaso dos poderes que exerceu durante os últimos catro anos a anterior Xunta de Goberno, encabezada por Xosé Manuel Vega.
“Cada vez despachamos máis datos que coñecemento, con máis volume que precisión, e con máis profusión que reflexión”, sinalou Pereiro. “E nos asalta a tentación diaria, que non sempre damos rexeitado, de dar un servizo da mesma calidade que a cantidade que nos dan por ofrecelo”, engadiu, en alusión ós baixos salarios que cobran os xornalistas.
O novo decano do CPXG lembrou que os profesionais teñen a “misión de garantir que haxa unha información veraz” e salientou que ás “desfeitas” non se lles pon remedio “se non se airean nos medios”. No entanto, apuntou que “saír nos papeis” é unha condición “necesaria” pero “desde logo insuficiente” para “resolver erros alleos”.
“A xente esixe que lle contemos a verdade” pero esas verdades, explicou, “ás veces son aburridas ou incómodas”, outras “insorportablemente sórdidas” a maioría “impublicables por falta de probas”.
Pola súa banda, o decano saínte, Xosé Manuel Vega, sinalou que “o xornalismo crítico está desactivado e domesticado” e que a “pluralidade de medios” que semella existir é “máis numérica que de contidos”. Vega referiuse tamén ó compromiso adquirido pola Xunta de Galicia de que o director da CRTVG fose elixido polo Parlamento Galego e non pola propia Xunta, un compromiso que, dixo, “a día de hoxe, é nada”. Por último, Xosé Manuel Vega tamén manifestou a súa satisfacción polo cambio na Xunta de Goberno e afirmou que “o relevo vai ser positivo para o xornalismo galego”.
Ademais de Xosé Manuel Pereiro, a nova Xunta de Goberno do CPXG está formada por Manuel Sola vicedecano; Francisco López Iglesias, secretario; Darío Janeiro, tesoureiro; e Belén Puñal, Rosa Aneiros, Xosé Durán, Luis Álvarez Pousa, Marcos Mosquera, Marcos Sanluis, Francisco Sarria e Leticia Vilar, vogais.
Ao acto, celebrado no Hotel Puerta del Camino e presentado pola escritora e xornalista Rosa Aneiros, asistiron o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado, o secretario xeral de Relacións de Institucionais da Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez Lema, e outros representantes da vida política, xornalística, cultural e académica de Galicia.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha corporación de dereito público que foi creada por lei do Parlamento galego en febreiro de 1999. Conta na actualidade con máis de 1.100 colexiados espallados por toda Galicia. Entre as súas funcións están a de afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas desenvolven o seu traballo e a de garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega, segundo consta nos seus Estatutos.
Suscríbete a las noticias del Mar y la Pesca en tu entorno:
Suscríbete a las noticias de Galicia en tu entorno:
|