A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP cinco programas de subvencións destinados a entidades e clubs deportivos da provincia, cuxo orzamento global ascende a 2,3 millóns de euros, e que teñen como obxectivo "a promoción da actividade deportiva en todos os seus ámbitos, dende o fomento do deporte base ao apoio a grandes eventos", segundo explicou o deputado responsable da área de Deportes da institución provincial, José García Liñares.

Liñares subliñou "o importante esforzo investidor" que realiza a Deputación en materia deportiva e sostivo que estas liñas de subvencións contribúen a manter a actividade e o funcionamento dos equipos coruñeses en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas, "recoñecendo o esforzo que fan cada día milleiros de deportistas para colocar os clubs coruñeses na vangarda do deporte galego".

 

Apoiar os clubs en competicións oficiais

Os dous programas con maior dotación económica son os destinados aos clubs deportivos coruñeses sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico (655.000 euros) ou nacional e internacional (550.000 euros).

No caso dos clubs que compiten a nivel local, provincial e autonómico as axudas oscilarán entre os 1.000 e os 60.000 euros que se poderán destinar a cuestións como a adquisición de material deportivo non inventariable, gastos de transporte e desprazamentos, seguros, soldos e salarios do persoal deportivo, cotas a federacións ou gastos de participación en competicións oficiais. Para os clubs federados que compiten a nivel nacional ou internacional estas axudas poden chegar ata os 75.000 euros.

Infraestruturas e equipamento

A Deputación convoca tamén un programa de axudas dotado cun orzamento de 400.000 euros e destinado ás entidades deportivas da provincia para mellorar as súas infraestruturas e equipamento durante o ano 2017. As entidades poderán solicitar así subvencións da institución provincial para reformas nas instalacións de uso deportivo, para a adquisición de maquinaria, equipos informáticos ou medios de transporte, entre outras. Nesta liña, as achegas da Deputación oscilarán entre os 600 € e os 40.000 euros.

Grandes eventos deportivos

A área de Deportes reserva tamén 395.000 euros para unha liña de subvencións destinada a apoiar ás entidades sen ánimo de lucro da provincia na organización e desenvolvemento de grandes eventos deportivos, singulares ou de especial interese pola súa incidencia en termos deportivos, sociais ou económicos para o territorio no que se celebran. O orzamento mínimo destes eventos para acceder ás axudas debe ser de 50.000 euros e a Deputación achegará subvencións de entre 10.000 e 70.000 euros, en función do orzamento.

Entre outras cuestións, as entidades organizadoras deben acreditar os recursos materiais e humanos necesarios para o desenvolvemento do evento, o número de deportistas participantes e a súa procedencia, o seu ámbito (autonómico, nacional ou internacional), a inclusión ou non da proba no calendario oficial de competicións e o impacto deportivo, social ou económico previsto.

A derradeira liña de subvencións convocada hoxe está destinada a entidades que promovan a realización de campañas que promovan a actividade física, do deporte afeccionado ou popular, a ocupación activa do tempo de lecer, ou a promoción social da práctica e os valores deportivos. Esta liña, dotada con 300.000 euros, outorgará axudas ás entidades de entre 600 e 30.000 euros.

Bolsas para deportistas

Por outra banda, o día 31 de marzo remata o prazo para solicitar as 30 bolsas para deportistas que vén de convocar a área de Deportes da Deputación da Coruña. A institución provincial incrementou este ano un 20% o orzamento destinado a estas bolsas, que alcanza os 90.000 euros, e que servirán para apoiar a 30 mozos e mozas coruñesas no desenvolvemento da súa carreira deportiva